Redacción •  Actualidad •  Galicia •  17/09/2020

EU reclama á Xunta que interveña para salvar os postos de traballo de Thenaisie-Provoté e apoia a folga das traballadoras

Eva Solla: “Nos últimos anos levamos perdida unha parte importantísima da nosa industria, só hai que lembrar casos coma os de Cuca ou Alfageme. Nesta tesitura, e xusto cando o sector da conserva máis está a producir, é incomprensible que a Xunta deixe caer esta factoría sen facer nada para evitalo.”

EU reclama á Xunta que interveña para salvar os postos de traballo de Thenaisie-Provoté e apoia a folga das traballadoras

A conserveira do Grove Thenaisie-Provoté atópase desde o mes de maio en concurso de acredores. A factoría, que dá emprego a 125 persoas, na súa maioría mulleres, corre perigo de peche xa que, pese a existiren posibles investimentos de capital galego, a actual propietaria non cumpriu coas negociacións para posibilitar a venda, tal e como denuncia o persoal.

Esquerda Unida non entende como ante esta situación de ameaza de peche a Xunta de Galicia con competencias en industria e mar non intervén para evitar o peche da planta e salvar o sustento de 125 familias. Esta situación motivou que o comité de empresa se vise abocado a convocar unha folga demandando solucións.

“A Xunta é unha das principais responsables no proceso de desindustrialización de Galicia” afirma a coordinadora de Esquerda Unida Eva Solla, “nos últimos anos levamos perdida unha parte importantísima da nosa industria, e o sector da conserva e dos elaborados do mar non é unha excepción. Só hai que lembrar casos coma os de Cuca ou Alfageme. Nesta tesitura, e xusto cando o sector da conserva máis está a producir, é incomprensible que a Xunta deixe caer esta factoría sen facer nada para evitalo.”

Por todo isto, Esquerda Unida reclama á administración autonómica que interveña neste conflito e asegure os postos de traballo e a viabilidade da actual Thenaisie-Provoté.


Esquerda Unida /  folga /  Galicia /