BNG urxe o Goberno a aproveitar a nova tramitación e garantir, dunha vez por todas, o saneamento do Barbaña
- Carme da Silva demanda un calendario definitivo e concreto para a execución deste proxecto e o impulso da súa tramitación para que o Goberno cumpra con Ourense.
- O MITECO ten agora a obriga de desbloquear este proxecto e garantir que as obras se executan sen máis dilacións, sinala a senadora do BNG.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) urxe o Goberno do Estado a asumir a súa responsabilidade e aproveitar a nova tramitación do proxecto para cumprir, dunha vez por todas, levar a cabo o saneamento integral do río Barbaña e a EDAR de San Cibrao. A senadora do BNG, Carme da Silva, demanda concretar un calendario claro para a súa execución, especialmente despois de oito anos desde a tramitación inicial da redacción do proxecto, e avanza que a formación nacionalista estará vixiante para garantir que esta nova tramitación non se traduza en máis atrasos inxustificábeis.
«O que solicitamos ao Goberno, tras anos de espera, demoras e modificacións, é axilizar a tramitación deste proxecto, esencial para o saneamento do Barbaña e para cumprir coa normativa comunitaria sobre a calidade das augas» subliña da Silva. A senadora lembrou que o executivo ten pendente desde hai oito anos a execución do «proxecto de finalización do saneamento do río Barbaña e mellora da EDAR de San Cibrao das Viñas. Fase II».
Esta nova tramitación do proxecto, indica Carme da Silva, debe de ser a definitiva e o Goberno “ten que impulsar esta actuación após oito anos de espera e dilatación”. Ùn proxecto que dea toda a información e se concrete cun horizonte temporal concreto para a súa execución, axilizando a tramitación desta infraestrutura básica para Ourense. “O Goberno ten a oportunidade de saldar unha débeda histórica con Ourense e co río Barbaña. É urxente que actúe con dilixencia para que o saneamento sexa, por fin, unha realidade e non outro anuncio baleiro” sinala.
A falta de compromiso do Estado fixo que Ourense continúe sufrindo unha contaminación ambiental inaceptábel. «O río Barbaña non pode seguir sendo o exemplo dunha nefasta xestión hidráulica. O Goberno ten agora a obriga de desbloquear este proxecto e garantir que as obras se executan sen máis dilacións” engade a senadora nacionalista.
O BNG reafirma o seu compromiso coa defensa dos intereses de Ourense e exixe ao Goberno que cumpra cos seus compromisos, iniciando de inmediato as obras necesarias para garantir un saneamento adecuado do río Barbaña e a EDAR de San Cibrao das Viñas.