Redacción •  Actualidad •  25/08/2020

EU demanda á Xunta de Galicia que inclúa os locais de prostitución dentro dos de obrigado peche ante o risco de brotes da COVID-19

Esquerda Unida presentará mocións nos concellos en apoio a esta demanda para que a Xunta peche dos locais de prostitución xunto coa dotación de recursos de carácter urxente tanto económicos coma habitacionais para evitar que estas persoas caian no absoluto desamparo social.

 

EU demanda á Xunta de Galicia que inclúa os locais de prostitución dentro dos de obrigado peche ante o risco de brotes da COVID-19

O 15 de Agosto a Xunta de Galicia publicaba no DOG a orde sobre medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Unha orde que supuña, entre outras cousas, limitación de horarios na hostalaría e restauración e peche de discotecas, pubs e locais de ocio nocturno. Así como a recomendación da limitación dos contactos sociais para frear os novos gromos de coronavirus.

A orde publicada no DOG sen embargo, obviou a realidade dos locais de prostitución, onde, pese ao coronavirus, segue existindo a posibilidade de que os puteros acudan obviando a situación sanitaria e poñendo en perigo a saúde das mulleres en situación de prostitución, así coma a da comunidade ao poder contaxiarse e actuar coma vectores da enfermidade nas súas contornas sociais. Sendo ademais casos, polas súas características, de difícil rastrexo.

Algunhas Comunidades Autónomas, coma é o caso de Castela A Mancha, veñen de asumir a reclamación realizada por colectivos sociais e organizacións políticas coma Izquierda Unida de peche destes locais para evitar a propagación do virus. Así, o peche destes establecementos foi aprobado e publicado no boletín oficial da Comunidade o pasado día 22 de Agosto.

Esquerda Unida demanda á Xunta de Galicia que actúe en semellantes termos, incluíndo aos locais de prostitución, con independencia da licenza coa que operen, dentro dos de obrigado peche na nosa Comunidade, modificando e ampliando o contido da orde publicada pola Xunta o pasado día 15.

Segundo o Convenio para a represión da trata de persoas e da explotación da prostitución allea, ao que o Estado español se adheriu o 25 de setembro de 1962 e a Resolución do Parlamento Europeo, do 26 de febreiro de 2014, sobre explotación sexual e prostitución e o seu impacto na igualdade de xénero, consideran que a prostitución é incompatible coa dignidade das mulleres e contraria aos principios dos dereitos humanos, entre eles, a igualdade de xénero.

Nese mesmo senso desde Esquerda Unida, que ratifica o seu compromiso de loita pola abolición da prostitución como forma de explotación e violencia contra mulleres e nenas, advírtese que a vulnerabilidade das mulleres en situación de prostitución é se cadra, máis extrema no contexto sanitario no que nos atopamos.

En palabras de Raquel Bernárdez, responsable da Área de Muller de Esquerda Unida, “as mulleres en situación de prostitución están nestes intres expostas aos contaxios por Covid-19 e ao mesmo tempo expostas tamén a quedaren desprotexidas e sen recursos, en moitos casos incrementando as débedas cos proxenetas e polo tanto, aumentando a dificultade para saír da situación de prostitución”.

Por este motivo, Esquerda Unida demanda á Xunta de Galicia o peche dos locais de prostitución, e a dotación de recursos de carácter urxente tanto económicos coma habitacionais para evitar que estas persoas caian no absoluto desamparo social. Así mesmo, a organización política presentará mocións nos concellos apoiando estas reclamacións.


abolición prostitución /  Esquerda Unida /  Xunta de Galicia /