En Marea •  Galicia •  01/02/2018

En Marea pedirá explicacións ao presidente da Xunta polo desmantelamento do público que están a impor o seu Goberno para beneficiar á empresas privadas

O voceiro de En Marea, Luís Villares, anunciou os temas que o seu grupo levará ao primeiro pleno do mes de febreiro (2018) no Parlamento de Galicia. A pregunta do grupo parlamentario de En Marea para a sesión de control ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, será sobre a súa valoración do grave deterioro dos servizos públicos do noso país. “Esperemos que veña con novos anuncios e investimentos pero tememos que non vai ser xa que as cifras de orzamento son as que son e de execución aínda peor” lamentou Villares. 

En Marea pedirá explicacións ao presidente da Xunta polo desmantelamento do público que están a impor o seu Goberno para beneficiar á empresas privadas
O desmantelamento do público que impulsa o Partido Popular beneficia á privada por iso a Xunta non lle importa o deterioro dos servizos públicos como denunciou o voceiro de En Marea.
 
En Marea levará ao vindeiro pleno dúas proposicións non de Lei unha relativa á compensación das perdas para o sector da castaña que o voceiro considerou necesario para un sector que fixa poboación no rural, que xera un complemento de rendas agrarias importante e para evitar unha merda de mercado por unha circunstancia como foi a seca vivida este ano.
 
En materia de ordenación do territorio e medio ambiente presentamos unha proposición contra as sondaxes ilegais que se están a levar a cabo no concello de Touro onde se pretende levar a cabo un proxecto megamineiro. Villares destacou que non está documentado polo que o grupo parlamentario pedirá que non se permitan mentres non se conte cos permisos adecuados.
 
Outras das iniciativas que En Marea levará ao pleno da Cámara será relativa a suba das peaxes que o voceiro considerou un “verdadeiro atraco”. En Marea tratará de poñer as bases para o debate do rescate da autoestrada xa que como sinalou Villares “non é lóxico que se podan rescatar as radiais madrileñas que foron un fiasco e producen perdas pero pola contra unha infraestrutura amortizada e que producen uns beneficios que se están a repartir como dividendos entre os seus accionistas absolutamente insalubres desde o punto de vista de redistribución da riqueza non se poda nin tan sequera debater”.
 
En Marea cuestiona así mesmo o veto ao propio debate por parte do Congreso polo que volverán a levar o tema a Cámara galega lembrando ademais a presentación feita polo grupo dun recurso ao constitucional por este veto.
 
“Temos que facer todo isto no Parlamento porque Feijóo o invisible non fixo nada diso con anterioridade, nin tan sequera na súa recente visita á capital do Estado onde volveu a evitar as necesidades do noso pais. Mencións a Galicia cero xa que o seu interese no noso país é cero, ve a presidencia da Xunta como un mero trampolín” afirmou Luís Villares. “A realidade é que a Feijóo non lle interesa Galicia, Non considera importantes os problemas de Galicia para falar deles en Madrid. Está a empregar o cargo para defender unicamente os seus propios intereses” concluíu.
 
A situación dos servizos públicos será outro dos temas que En Marea levará para o seu debate na Cámara. Así en materia de educación o grupo ve un problema nos ratios por aula xa que non se están a ter en cuantificar o alumnado que repite curso. Así mesmo, En Marea defenderá unha nova política de servizos sociais con máis recursos, máis persoal, máis orzamento e que se cumpra co compromiso de non deixar a ninguén atrás algo que non está a suceder actualmente.
 
En materia de sanidade os deputados e deputadas de En Marea presentarán dúas iniciativas. A primeira delas sobre as listas de agarda do Sergas e o colapso do sistema sanitario provocado polo desmantelamento do mesmo. “A situación actual indesexable para á cidadanía pero non para o Partido Popular xa que o aumento das listas provoca o desvío á privada. Recortes na sanidade pública reverten en cartos para á privada” denunciou o voceiro de En Marea que asegurou que “co PP estamos máis enfermos e sufrimos máis xa que o que están a precarizar son as condicións de saúde da cidadanía”. O voceiro Luís Villares anunciou así mesmo a participación de En Marea na manifestación do vindeiro domingo 4 de febreiro en defensa da sanidade pública do noso país convocada en Santiago de Compostela e que vaticinou “será masiva”.
 
Referente á situación dos traballadores e traballadoras da Xustiza, Villares preguntou porque a Xunta de Galicia incumpre “con tanto descaro” os acordos acadados de forma unánime no Parlamento de Galicia. Así lembrou o apoio das deputadas e deputados da Cámara ás reivindicacións do persoal de Xustiza para acabar entre outras cuestións coa discriminación insoportable que se está a dar entre o persoal da administración de Xustiza. “Rueda trata de ocultarse dicindo que o que se pide son subidas salariais cando o que están a pedir son outras moitas cousas como acabar coa discriminación actual.
 
“Porque se está a castigar ao persoal de xustiza? A resposta é evidente non lle interesa que funcione ben a Xustiza so hai que pensar nos 200 casos de corrupción ao ano dos que a maioría implica ao PP” declarou Villares. Neste sentido, o voceiro de En Marea anunciou que o seu grupo esixirá a vindeira semana que o Goberno galego cumpra co acordo unánime da Cámara e atenda as reivindicacións do persoal da Xustiza.

En Marea /  Xunta de Galicia /