Redacción •  Galicia •  01/04/2019

Esquerda Unida rexeita a decisión do poder xudicial de apartar a Pilar de Lara da instrucción do ‘Caso Carioca’ tras destapar redes de trata e corrupción

Dende EU sumámonos a concentración deste mércores 3 en Lugo a favor do labor da xuíza e instamos de novo ao Concello de Lugo e a Xunta a presentarse como acusación popular.

Esquerda Unida rexeita a decisión do poder xudicial de apartar a Pilar de Lara da instrucción do ‘Caso Carioca’ tras destapar redes de trata e corrupción

Compostela, 1 de abril de 2019. O ‘Caso Carioca’ vén de sufrir outro revés coa sanción que lle impón o Consello Xeral do Poder Xudicial á xuíza Pilar de Lara coa intencionaliedade de apartala dos xulgados de Lugo. Dende Esquerda Unida, lamentamos ter a día de hoxe unha xustiza patriarcal, machista e retrógada que actúe “coa única intención de sacar do xulgado a Pilar de Lara, que loita por impor a perspectiva de xénero e perseguir seriamente os delitos de trata que afectan a mulleres (algunhas menores) e en situación de pobreza extrema”, sinala a responsable da Área de Muller de Esquerda Unida, Raquel Bernárdez.

“É moi frustrante percibir constantemente os intentos da Fiscalía de Lugo por arquivar unha parte da ‘Operación Carioca’ e ter un modo de actuar que obriga a abrir máis pezas, retrasar todo este proceso e exculpar a varias decenas de imputados baixo pretextos de corte machista”, sinala Bernárdez, aínda que afirma que o peor é “a inacción por parte do Concello de Lugo e a Xunta de Galicia, que deciden non presentarse como acusación particular, unha medida que axudaría ás vítimas de trata”, denuncia a responsable da Área de Muller de Esquerda Unida.

Por todo isto, Esquerda Unida insta a Xunta e ao Concello de Lugo a exercer de acusación popular na peza principal do Carioca xa que, de non facelo, estaría “dando a entender que as mulleres inmigrantes en situación irregular e vítimas de extrema violencia de xénero non merecen a mesma protección social que o resto”, apunta Bernárdez.

Dende Esquerda Unida reiteramos que a explotación sexual é unha forma extrema de violencia de xénero e que pon de manifesto como a xustiza non protexe os dereitos das mulleres, e máxime os daquelas que se atopan en situación de extrema vulnerabilidade. En apoio ao traballo da xuíza e contra as desproporcionadas medidas disciplinarias adoptadas contra ela e contra a xustiza machista, Esquerda Unida súmase e chama a participar na concentración convocada pola Plataforma contra a Impunidade do Caso Carioca para o vindeiro mércores 3 de abril ás 20 horas diante dos Xulgados de Lugo.


caso Carioca /  Esquerda Unida /