Redacción •  Galicia •  01/05/2020

A CNT ante o 1º de maio: agora máis que nunca, orgullo de clase traballadora

Este 1º de Maio será, sen dúbida, unha xornada de reivindicación atípica para a clase traballadora. No contexto dunha crise global a causa da pandemia do COVID-19, os traballadores e traballadoras enfrontámonos este ano a unha situación limite. Non é que antes estivese ben, pero agora ponse a proba a nosa capacidade, non só de resistir a adversidade, se non de combatela, demostrando ademais, o fundamental que é a actividade sindical que desenvolvemos nesta sociedade. 

A CNT ante o 1º de maio: agora máis que nunca, orgullo de clase traballadora
Esta nova crise puxo en evidencia quen é a primeira en verse prexudicada directamente cando as cousas se torcen: a clase traballadora. En especial, as traballadoras e traballadores en situación de precariedade, temporalidade e de extrema vulnerabilidade. O aparentemente contraditorio é que son estas mesmas persoas precisamente quen están sacando a situación adiante, mediante a súa imprescindible actividade. Nestes momentos, é moi necesario recoñecer e valorar o labor das e dos profesionais da Sanidade, lidando co virus dende a primeira liña, pero tamén hai que facer o propio co traballo do sectores habitualmente invisibilizados, como o transporte, a agroalimentación, a limpeza, etc. Sectores estes que se demostraron esenciais, e sen os cales nin tan sequera a propia actividade sanitaria sería capaz de desenvolver o seu labor.
 
Este novo escenario volta a confirmar a existencia dunha estrutura de clases sociais, que é a que sostén ao propio sistema económico, e constata -máis aínda se cabe- que sen nós, sen a clase traballadora, esta sociedade non sería capaz de avanzar. Como sempre reivindicou a CNT, a necesidade de fortalecemento e a defensa dos servizos públicos é unha das conclusións que debemos extraer, coa mirada posta no futuro, xa que demostraron ser vitais para paliar os efectos desta pandemia e para protexer ás persoas máis afectadas, que, coma sempre, son as máis humildes dentro da clase traballadora. É aquí onde poden apreciarse as consecuencias xenocidas que ocasionaron as teses neoliberais e a globalización, evidenciando unha vez máis fronte ao conxunto da sociedade que o capitalismo é en realidade un sistema que prima os beneficios económicos antes que as vidas humanas e o propio planeta.
 
Xunto á desprotección absoluta na que se atopou a clase traballadora, tamén se comprobou cal é o papel dos sindicatos -mal chamados- maioritarios. As súas cúpulas dirixentes aceptaron o conxunto das medidas laborais e económicas aprobadas polo Goberno sen a máis mínima crítica, incluso concordando as propostas coa mesma patronal. Unha vez máis, a clase traballadora veuse traizoada pola súa incapacidade, mentres observa atónita como aceptan que centos de miles de traballadores e traballadoras volvan aos seus postos de traballo considerados non esenciais para sucumbir aos intereses da patronal das grandes industrias e da construción.
 
As escasas medidas sociais e laborais adoptadas por este goberno pretendidamente socialdemócrata implantáronse tarde e resultaron ser totalmente insuficientes. Permitiuse que as empresas se desfixeran de miles e miles de persoas traballadoras con contratos temporais durante as primeiras semanas; aínda non se implantouse unha Renda Básica con garantías suficientes; a desprotección absoluta das persoas migrantes; a situación dos que traballan como falsas e falsos autónomos; etc. Descoñécese o alcance que podería ter esta pandemia a escala mundial; con todo, CNT sempre estará enfronte de quen pretendan utilizar ese pretexto para limitar os dereitos fundamentais ou implantar medidas inxustificadas que supoñan un recorte das liberdades máis básicas que a clase traballadora conseguiu a base de loita social durante décadas.
 
Este ano a loita debe seguir nas rúas e nos centros de traballo, con máis argumentos se cabe, posto que se espera unha cruenta ofensiva das elites económicas e da patronal no ámbito internacional, que vai intentar acometer por todos os medios unha sangría de despedimentos e recortes dos dereitos básicos que tanto custaron conquistar. Trátase dunha crise global cunha clase traballadora que, independentemente da súa procedencia, sempre é a que sofre en primeira instancia as consecuencias, pese a que tamén é o cimento sobre o que funciona todo grazas á súa forza de traballo e á súa capacidade autoorganizativa. Presenciamos como as traballadoras e traballadores están sendo os elementos fundamentais que están posibilitando seguir adiante, dando todo o posible, arriscando ata a súa propia vida para proporcionar todo o necesario; sanidade, coidados, hixiene, alimentos, produtos básicos, medicamentos, ensino e información. Vimos como a solidariedade e o apoio mutuo deixaron de ser simples palabras para converterse en feitos que facilitan a vida en moitos barrios e aldeas de todo o territorio, tecendo redes dende a base para axudar e coñecer a nosas veciñas e veciños. Redes solidarias que, nalgúns casos, conseguen incluso sobrepasar a capacidade do propio Estado, vista a súa incapacidade de abordar a situación. Demostrouse, unha vez máis, que só o pobo salva ao pobo.
 
Desde CNT, sentimos verdadeiro orgullo de ser un sindicato de clase, de seguir asesorando e axudando a miles de persoas antes e durante a emerxencia do COVID-19, evitando os abusos empresariais e conseguindo vitorias que blindan os dereitos da clase traballadora; orgullo de continuar traballando para conseguir un mundo máis xusto e igualitario.
 
Estamos ante un 1º de Maio singular pero, aínda que non poidamos atoparnos nas rúas, agora máis que nunca seguiremos coas nosas reivindicacións. Porque, agora máis que nunca, é necesario retomar o sentimento de pertenza á clase traballadora, de satisfacción polos logros e capacidades propias para ser plenamente conscientes de que a clase traballadora, unida e organizada, pode con todo.

CNT /  Dia Internacional do Traballo /