AGE denuncia que o PP négase a actuar para que se cumpra o acordo lácteo
O Viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda Antón Sánchez lembra que os produtores de leite reciben o prezo máis baixo do Estado.
Para AGE, o PP continúa a contemplar sen facer nada a destrución do sector lácteo. Esta semana, no pleno do Parlamento galego, volveu rexeitar unha moción de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) para que a Xunta demande do Goberno central accións para que se cumpra o acordo asinado en setembro. “O PP leva gobernados 28 anos en democracia e non foi quen de lle dar un futuro ao noso rural”, denunciou o viceportavoz de AGE Antón Sánchez no pleno do Parlamento.
Os produtores galegos son, de feito, os que reciben os prezos de leite máis baixos de todo o Estado e ante este problema o Partido Popular opta pola inacción. “Vostedes non fan os deberes e os gandeiros vense obrigados a pechar. Non fan os deberes en ordenación do territorio para dotar ás explotacións de base territorial. Non os fan en política industrial nin en marco normativo” -argumentou Sánchez-, «porque vostedes optan polo exterminio do rural e non por un país equilibrado».
“Feijóo desapareceu logo de asinar tres acordos ‘históricos’, o último dos cales serviu para baixar aínda máis os prezos”, afirmou o viceportavoz de Alternativa, quen someteu a consideración do pleno a reprobación do Parlamento ao presidente da Xunta “pola súa negativa actuación ante a grave situación dos gandeiros, o seu desleixo e a súa falta de apoio para o sector”, propoñendo unha serie de medidas para garantir o cumprimento do acordo lácteo e un futuro para o sector, demandando ao Goberno español o cumprimento do acordo asinado en novembro e defendendo diante das autoridades estatais e europeas un modelo agrario sostible que garanta a protección dos agricultores para evitar a constante perda de explotacións agrarias.
A iniciativa recibiu o apoio de todos os grupos do Parlamento agás do Partido Popular.