Luís Villares: “Queremos unha mar viva na que sexan compatibles todos os intereses e todos os valores da ría, ambiental, social e económico”
O candidato á presidencia da Xunta de Galicia de En Marea, Luís Villares, mantivo esta semana un encontro coa plataforma en Defensa da Ría Aldán-Cangas para presentar as propostas de En Marea para a zona. Unha reunión moi positiva que como destacou Villares ao remate do encontro deixa en evidencia que “fronte un Feijóo que está a facer unha campaña absolutamente tramposa na que se presenta como presidenciable cando todos sabemos que vai marchar de Galicia despois das eleccións como el mesmo dixo, En Marea ven aquí a afrontar os problemas da xente, neste caso coa xente do Morrazo, coa xente de Aldán”. “O noso obxectivo é ter unha mar viva na que sexan compatibles todos os intereses e se respecten todos os valores, o valor ambiental, social e económico da ría” destacou Luís Villares. Neste sentido explicou que en primeiro lugar na medida que sexa compatible o uso recreativo e o uso tradicional, uso marisqueiro e pesqueiro, En Marea aposta porque se autoricen novas instalacións deportivas pero sempre que se respecte o uso tradicional.
O candidato á presidencia de En Marea denunciou a actuación do goberno de Núñez Feijóo estes últimos anos, con especial incidencia en Pontevedra e Vigo, e a imposición de políticas coas que demoleu a sanidade pública. Neste sentido, Luís Villares anunciou que En Marea recuperará o hospital Álvaro Cunqueiro para mans públicas como primeira medida a levar a cabo tras a chegada de En Marea ao goberno da Xunta de Galicia.
Outras das propostas destacadas por Luís Villares na súa visita a Cangas foi o saneamento integral da rías galegas, e unha aposta polo sector de baixura para impulsar este sector económico e acabar con toda a desprotección á que someteu o goberno de Fejóo a estes profesionais.
O candidato á presidencia da Xunta de Galicia rematou a tarde cun encontro aberto coa cidadanía do Morrazo no que Luís Villares presentou as propostas de En Marea para a comarca.