Ernesto Ilkermn - Roberto Solano •  Galicia •  01/12/2016

Manifestación da CIG en prol do emprego en Vigo

A CIG mantén o pulo mobilizador nas rúas de Vigo para ampliar a resposta social. A central logra unha multitudinaria manifestación na tardiña do mércores, a segunda despois dun mes, en prol do emprego digno na comarca viguesa.

Manifestación da CIG en prol do emprego en Vigo
A segunda manifestación da ampla campaña que a CIG de Vigo está a desenvolver para reivindicar un futuro laboral digno para a clase traballadora da bisbarra colleitou de novo unha importante participación, logrando reunir máis de mil persoas desde a Dobrada até a farola de Urzáiz a pouco máis dun mes da realizada o pasado 20 de novembro.
 
Así como a néboa provocada polas interminábeis campañas eleitorais que abafaron este 2016 comeza a disiparse, e coa mesma moitas das ilusións depositadas na eventual mudanza de políticas pola vía eleitoral, a clase traballadora viguesa retorna cun paso cada vez máis sostido cara as dinámicas mobilizadoras, procurando lograr por esta vía a presión social necesaria para reverter os recortes a través do fortalecemento da organización de clase e da acción nas rúas e centros de traballo. 
 
 
Así o expresou Alberte Alberto Gonçalves, secretario comarcal da CIG de Vigo ao remate da manifestación, para quen é esencial “pasar á ofensiva para conseguir unha mudanza radical da realidade e avanzar no camiño de poñer fin a este réxime inxusto, de desigualdades, que nos explota e que nos oprime”.
 
Nun discurso repleto de exhortacións á mobilización e de enunciación estratéxica, nun ton moi próximo ao de datas importantes como a do 10 de marzo ou Primeiro de Maio, o secretario comarcal enfatizou, mais unha vez, a necesidade de combater a propaganda oficial que fala dunha inexistente recuperación económica, así como a de sinalar os culpábeis da crise, aportando, asemade, alternativas ao futuro de prostración para a clase traballadora que pretenden os diferentes gobernos baixo ordes directas dos centros capitalistas.
 
A manifestación rematou entonando o himno galego ao son das gaitas.
 

CIG /  empleo /  paro /  Vigo /