Compostela Aberta •  Redacción •  Galicia •  02/04/2020

Martiño Noriega: «A instalación dun hospital de campaña nun polideportivo debe ser a última opción para atender á poboación afectada por coronavirus»

O portavoz de Compostela Aberta e integrante da coalición Galicia en Común-Anova Mareas lémbralle ao presidente da Xunta que na presente crise sanitaria hai que actuar "seguindo criterios de oportunidade en saúde pública" e non dedicarse a facer propaganda.

Martiño Noriega: «A instalación dun hospital de campaña nun polideportivo debe ser a última opción para atender á poboación afectada por coronavirus»

Martiño Noriega, médico de profesión, volveu insistir esta semana en que «a instalación dun hospital de campaña nun polideportivo debe ser a última opción para atender á poboación afectada polo coronavirus» e «únicamente se non quedan camas dispoñibles nos hospitais públicos e privados de Santiago».

O portavoz de CA lamentou que Alberto Núñez Feijóo reitere a súa intención de abrir unha instalación destas características en no Multiusos Fontes do Sar con entre 100 e 150 camas «mentres segue sen aclarar se o Goberno galego vai utilizar nesta crise «todos os recursos xa dispoñibles», que sen dúbida «permitirían unha mellor atención ás persoas doentes». Para Noriega, «os anuncios de Feijóo teñen moito que ver con criterios propagandísticos, máis que con criterios de oportunidade en saúde pública».

APROVEITAMENTO DOS RECURSOS EXISTENTES 

«Cónstanos que non hai saturación nin no Clínico nin no Provincial de conxo, e descoñecemos se a Xunta ten previsto utilizar o hospital Gil Casares» -apuntou Martiño Noriega-. No caso concreto deste centro, moi próximo ao propio Hospital Clínico, o tamén portavoz de Compostela Aberta lembrou que ”ata finais de 2019 acollía a Unidade de Paliativos que foi trasladada ao Provincial de Conxo, e que chegou a ter 35 camas”. Xa que logo, insiste Noriega, “falamos dun centro que está preparado para acoller enfermos e enfermas, nunhas condicións moito máis dignas que calquera polideportivo».

Noriega insistiu tamén en que “Feijóo debe facer efectiva a intervención dos hospitais privados, porque o certo é que mentres el fala de instalar hospitais de campaña nun polideportivo son tan só nove as persoas con coronavirus ingresadas nos centros privados de Santiago”. Para o candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, “é incomprensible que o presidente da Xunta non bote man das preto de 120 camas que suman os hospitais da Rosaleda e da Esperanza, xestionados ambos pola empresa HM e que só teñen a 9 persoas ingresadas con coronavirus, e insista en instalar entre 100 e 150 camas no pavillón de Sar”.

O tamén portavoz de Compostela Aberta pediulle a Feijóo “que evite repetir os erros que se están a ver nestes días en Madrid, onde o persoal do hospital de campaña habilitado en IFEMA está a denunciar a pouca seguridade para os profesionais, a mala loxística, e a escaseza de recursos materiais no recinto ferial”. Nesa liña, Noriega tamén apuntou que “non se entende que o presidente da Xunta queira abrir un hospital de campaña para o que di que non haberá novo persoal, senón que se detraerán recursos humanos dunha Atención Primaria que está a ser infrautilizada nesta crise, e dunha atención especializada que nestes momentos tén moita carga de traballo”. 


Alberto Núñez Feijóo /  Compostela Aberta /  coronavirus /  COVID-19 /  Galicia en Común-Anova Mareas /  Martiño Noriega /  sanidade pública /  Xunta de Galicia /