Redacción •  Galicia •  02/07/2016

O interese económico das salas de cine nunca pode estar por riba dos dereitos sanitarios dos consumidores

A Unión de Consumidores de Galicia quere manifestar a súa repulsa ante a actitude de varias salas de cine da comunidade autónoma que non permitiron que nenos e nenas con diabete accedesen ás súas instalacións coas mochilas onde portaban, entre outras cousas, alimentos aptos para as persoas diabéticas.

O interese económico das salas de cine nunca pode estar por riba dos dereitos sanitarios dos consumidores

Poñer trabas para acceder ós cines ás persoas con diabete, obrigándoos a dar explicacións e negándolles, en última instancia, introducir os alimentos que necesitan é unha práctica que esta organización entende como discriminatoria e, cinguíndose ó estritamente sanitario, neglixente en extremo. O artigo 14 da Constitución establece que non pode “prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión o calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”. O sucedido en varias salas de cine galegas esta semana é, a todas luces, un acto discriminatorio que xoga en contra dos dereitos e intereses dos menores.

A maiores, UCGAL entende que vetar ó acceso ó cine con comida e/ou bebida adquirida fóra de establecemento é unha cláusula abusiva atendendo ó artigo 82.1 do Real Decreto Lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, onde se recollen como abusivas “todas aquelas estipulacións non negociadas individualmente e todas aquelas prácticas non consentidas expresamente que, en contra das esixencias da boa fe causen, en prexuízo do consumidor e usuario, un desequilibrio importante dos dereitos e obrigacións das partes que se deriven do contrato”.

Incluso aqueles establecementos que se queiran escudar no dereito de admisión para negar a entrada teñen que ter presente que non poden exercer este dereito para restrinxir o acceso arbitraria ou discriminatoriamente, nin de forma que sitúen ó usuario en condicións de inferioridade, indefensión ou agravio comparativo.

A Unión de Consumidores de Galicia xa contactou coa Asociación de Nenos con Diabete de Galicia (Anedia) para trasladarlles o seu apoio e o seu compromiso coa defensa dos dereitos dos nenos e nenas con diabete.


cine /  consumidores /  consumo /  dereitos sanitarios /