Redacción •  Galicia • 03/01/2020

O segundo parto de urxencia en Verín tras o peche do paritorio destapa novamente as consecuencias dunha decisión política equivocada

En Marea defende unha sanidade pública que atenda aos criterios de calidade, equidade e proximidade.

O segundo parto de urxencia en Verín tras o peche do paritorio destapa novamente as consecuencias dunha decisión política equivocada

Un segundo parto de urxencia no Hospital Comarcal de Verín volve a poñer en risco a nai e ao seu bebé, ante a pasividade dunha Xunta de Galicia que non quere entender que a sanidade hai que planificala en base a criterios sanitarios e que desobedece todas as recomendacións da OMS.

A deputada de En Marea, Paula Verao, cargou esta mañá contra a Xunta de Galicia pola decisión política de pechar o paritorio do Hospital Comarcal de Verín despois de que tivesen que atender un novo parto de urxencia: “Feijóo dixo que pechaba o paritorio de Verín por risco das nais e dos bebés pero a realidade e que é precisamente a súa política de peche o que pon en risco a nais e bebés e xa é a segunda vez que un parto ten que ser atendido en Verín por risco de parir no propio camiño”.

A deputada avisou de que a Xunta non quere rectificar unha decisión política totalmente equivocada e continúa teimando no mesmo erro , pois esta xa é a “segunda vez que vemos os problemas que ten o traslado de bebés a Ourense, impedindo a unha nai cun bebé san telo facendo o pel con pel durante esa primeira hora. Isto non pode suceder, a responsabilidade é da Xunta de Galicia por non prever a necesidade de gardas pediátricas vinte e catro horas en Verín”.

En Marea quere unha planificación da nosa sanidade pública para os vindeiros dez anos tendo en conta os criterios de calidade, equidade e proximidade no acceso aos servizos, o que implica que as nais de Verín e da súa comarca teñan dereito a dar a luz nese Hospital Comarcal. Para garantir este dereito “a Xunta que dotar prazas estables de pediatría en Verín e namentres ten que organizar con corrección as gardas de pediatría na EOXI de Ourense. Se o problema é a pediatría, como recoñece o propio SERGAS, o problema é de xestión e o problema é da Xunta” subliñou Paula Verao.


En Marea /  Redacción /