Anova •  Redacción •  Galicia •  03/04/2020

Antón Sánchez: «Vai haber un antes e un despois da crise do coronavirus na atención ás persoas maiores»

O voceiro de Galicia En Común-Anova Mareas no Parlamento de Galicia tidou de "decepcionante" a comparencia do vicepresidente da Xunta ante a ausencia de medidas de apoio ás maiorías sociais e denunciou as políticas de "precarización" e "mercantilización" do benestar da terceira idade polas políticas levadas a cabo na última década polos Gobernos do PP "que poñen o beneficio por enriba das persoas". 

Antón Sánchez: «Vai haber un antes e un despois da crise do coronavirus na atención ás persoas maiores»

Na comparecencia da conselleira de Política Social Fabiola García na Cámara galega criticou que a Xunta «chegou tarde» á hora de tomar medidas fronte ao impacto do coronavirus, tendo en conta que «vimos dunha situación moi difícil porque o Goberno de Feijóo leva 11 anos recortando e privatizando a atención ás persoas maiores». Fronte a isto -reclamou-, «hai que dar un xiro de 180 graos ás súas políticas, que poñen o beneficio por enriba das persoas».

Sánchez, tamén portavoz nacional de Anova, denunciou que o Goberno do PP «actúa cun cinismo absoluto» ao acusar de «falta de lealdade» aos grupos da Cámara recordando que «a nosa lealdade está coa xente, coas persoas maiores e coas traballadoras que sufriron as súas políticas durante estes anos». «Cinismo é utilizar máis da metade da intervención para loubar os profesionais das residencias de maiores tras estar 11 anos sen escoitalos e ignorando as súas demandas» -sinalou logo da intervención da conselleira-.

«O que estamos viviendo é a consecuencia lóxica das políticas de precarización e mercantilización do benestar dos maiores, poñendo o negocio por enriba das persoas» -denunciou-. «Amarelismo non é sinalar o que di o informe do Consello de Contas, que fiscaliza a súa política nas residencias da Terceira Idade. Este informe di que Galicia ten un 3,05% de prazas por habitante maior de 65 anos, cando a media estatal é do 4%” -afondou na súa invervención-.

Entre outros datos do informe, o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas destacou que “a Xunta afirma que actúa ante calquera irregularidade, mentres que o informe afirma que se aprezaron irregularidades e non se iniciaron expedientes sancionadores contra esas residencias que incumprían a legalidade”. 

GALICIA, LÍDER EN PRIVATIZACIÓN DE CENTROS DE MAIORES 

Antón Sánchez explicou na súa intervención que «Galicia é lider en privatización deste sector no Estado e iso nótase na atención aos nosos maiores», Así, remarcou que «vai a haber un antes e un despois da crise do coronavirus na atención aos maiores, porque non pode ser que o negocio estea por enriba das persoas». 

O deputado recordoulle aos representantes da Xunta que «durante 11 anos non construiron residencias de xestión pública directa, cando os datos demostran que teñen mellor calidade asistencial que as privadas» e «con este modelo, no que a privada non deixou de medrar durante o seu Goberno, teñen que fiscalizar e non mirar para outro lado».

PROPOSTAS 

Ante esta situación, demandou ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo sensibilidade coas propostas que están a poñer sobre a mesa os profesionais. «Hai que intervir todas as residencias afectadas para poder aplicar os protocolos. O personal quere facer ben as cousas, pero non ten medios. E precisa dunha inspección inmediata das residencias e un mando único efectivo, pois estase demostrando que non hai capacidade para aplicar os protocolos en todas as residencias. Para iso hai que reforzar o persoal, os recursos, e a formación» -aseverou Sánchez-.

DECEPCIONANTE COMPARECENCIA DO VICEPRESIDENTE DA XUNTA

Antón Sánchez cualificou de «decepcionante» a comparecencia do vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda. «Deuse pouca información e de pouco calado nalgúns casos. Botamos en falta outras medidas. Non sei se non quixo dar información ou non hai máis medidas e máis ambiciosas» -espetou o deputado-.

Ademáis, reiterou a petición de información á Xunta respecto da utilización dos recursos da sanidade privada, reclamando que «arrimen o ombreiro nesta crise tras acadar cotas de mercado históricas de ata o 26,5% durante o seu Goberno». «Temos que enterarnos pola prensa do que están facendo e o presidente da súa patronal declarou que está sendo infrautilizada»- denunciou-.

EIDO ECONÓMICO E SOCIAL 

No eido económico e social, Antón Sánchez apuntou que «Galicia é unha das poucas comunidades que non outorgou axudas directas a autónomos», poñendo o exemplo de outras que sí o fixeron. Con respecto á vivenda, denunciou a mesma situación, sen nen tan sequera respaldo por parte do parque público cun bono alugueiro social «que non é suficiente» porque «unha persoa que queda dun día para outro sen ingresos non pode xustificar ser beneficiario deste bono e ten que seguir pagando». 

Doutra banda, Sánchez reclamou tamén axudas para o alugueiro de locais comerciais e instou ao Executivo galego a «pensar nun ingreso mínimo vital máis alá da Rista» porque «hai moita xente que o vai pasar moi mal e Galicia vai á cola». 

Fronte a esta situación de parálise, o voceiro insistiu na proposta lanzada a Feijóo a semana pasada, consistente en facer uns novos orzamentos con medidas de apoio social que reflexen tamén de onde van sair os ingresos. Por ese motivo, considerou un erro o anuncio do aprazamento dos impostos autonómicos. “Non pode ser que se lle aprace o pago á xente que ten máis un millón de euros de patrimonio. Esas son as persoas que teñen que contribuír máis nos tempos que veñen. Teñen que darlle un xiro de 180 gardos a esa política fiscal de exencións aos ricos. A saída da crise só vai ser xusta con políticas fiscais xustas” -insistiu-. 

Entre outras medidas, o deputado pediu tamén unha regulación para a reapertura dos mercados locais, que están a ser «fundamentais nesta situación» e incidiu na necesidade de que as reivindicacións do persoal do servizo de emerxencias 112 Galicia sexan escoitadas, urxindo ademáis a asumir a xestión pública do 061, onde as traballadoras e traballadores «están dando o callo tras meses sen cobrar». 

Como remate, indicou que na actual situación «hai que sacar conclusións das políticas de recortes contra a xente que se desenvolveron» dende o Goberno de Alberto Núñez Feijóo. «Os recortes en sanidade conlevan máis dificultades e crises coma esta e custan sufrimento, dor e morte. Se Galicia tivese as mesmas camas que cando o PP, teríamos 800 máis. Se Galicia estivese na media estatal, teríamos 730 médicas e médicos e 945 enfermeiras e enfermeiros máis. Temos que abandoar esas políticas apostando polo público e colectivo» -concluiu-«. 


Alberto Núñez Feijóo /  Anova /  Antón Sánchez /  Consellería de Política Social /  Consellería de Sanidade /  coronarivus /  Galicia en Común-Anova Mareas /  Parlamento de Galicia /  Partido Popular /  PP /  Xunta de Galicia /