Redacción •  youtube.es •  Galicia •  04/03/2018

En Marea denuncia o desmantelamento do taller de mantemento de Renfe en Monforte

As deputadas de En Marea no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello e Alexandra Fernández xunto coa deputada no Parlamento de Galicia Paula Vázquez Verao comprobaron de primeira man a precaria situación dos traballadores do taller de mantemento de Renfe en Monforte. Actualmente conta con 16 traballadores, dos que 3 poderán ser xubilados este ano, co que non poderán manter o actual ritmo de traballo, favorecendo así a entrada de empresas privadas para xestionar un servizo que as deputadas entenden que ten que ser público. 

En Marea denuncia o desmantelamento do taller de mantemento de Renfe en Monforte
Paula Vázquez Verao subliñou logo da visita que “hai unha clara intención de desmantelalo porque non se está repoñendo o persoal que faría falta xa que hai moita carga de traballo, que se trata dun taller moi especializado e hai técnica e medios para que poida continuar funcionando”. En Marea ten formulado preguntas ao respecto no Congreso dos Deputados e a resposta de Renfe é que o cadro de persoal é “axeitado” malia que estas instalacións chegaron a ter máis de 70 traballadores.
 
Neste senso pronunciouse tamén Alexandra Fernandez, quen destacou que “dende En Marea temos claro que defendemos os servizo público ferroviario, o mantemento dos talleres ten que ser asumido polo público en condicións laborais dignas”. O voceiro de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello destacou que “asistimos a un esmorecemento dos servizos, como ocorre tamén na Mariña co Feve, déixase morrer neste deseño cara a privatización ante o que a cidadanía de Lugo e Monforte ten que activarse para defender os servizos públicos ferroviarios”.
 
Ademais deste asunto, En Marea tamén lle reclama ao Ministerio de Fomento a mellora das frecuencias e horarios de trens dende Monforte até Lugo, que debería concebirse como unha liña de cercanías, ademais das melloras tamén das liñas que van a Ourense e A Coruña. Alexandra Fernández fixo fincapé en que o Goberno “aposta pola alta velocidade en detrimento das cercanías pero esta non será rentable na medida en que non chegue ás estacións do AVE un fluxo de pasaxeiros do entorno, non podemos seguir cunha lóxica de hipoteca permanente cara a alta velocidade deixando morrer a rede convencional”, apuntou.
 
En Marea esixe tamén que se electrifiquen os treitos pendentes e que se eliminen os pasos a nivel, así como que se rectifique o trazado das vías que están obsoletas. O voceiro Miguel Anxo Fernán Vello lembrou que o levantamento dos pasos a nivel está pendente dende o ano 2010 e subliñou que no entorno urbano de Monforte quedan aínda 6 “en zonas de alto risco polo trafego constante de tráfico e peóns”. Finalmente, En Marea esíxelle ao Ministerio de Fomento a mellora do “deficiente” estado de conservación da pasarela sobre a liña de ferrocarri á altura do barrio das Cruces, que Renfe descarga sobre o Concello deixando clara “a falta de sensibilidade do órgano ferroviario en relación á seguridade dos peóns que tódolos días pasan por alí”.
 
 

En Marea /  RENFE /