Alumnado de tres continentes participa na XXIX edición dos Cursos de lingua e cultura galegas da USC
O programa de clases complétase con conferencias, obradoiros de música e baile e visitas a lugares de interese cultural e natural.
Os cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ atraen un ano máis a Santiago de Compostela a persoas procedentes de distintos continentes. A XXIX edición deste encontro arrincou esta mañá organizada pola a Real Academia Galega (RAG), polo Instituto da Lingua Galega (ILG), a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña.
Na inauguración interviñeron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; o director do ILG, Ernesto González; o director dos cursos, Henrique Monteagudo; o presidente da RAG, Jesús Alonso Montero; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
O profesor Ernesto González lembrou que os cursos naceran hai 29 anos co propósito de “abrir Galicia ao mundo dende a profunda convición de que, como pobo, somos depositarios dun legado lingüístico e cultural que debemos non só preservar senón tamén compartir cos demais pobos”. Esa idea compartiuna tamén a vicerreitora Álvarez, que destacou que grazas a estes cursos o galego está cada vez máis presente en universidades de todo o mundo.
Pola súa banda, o presidente da RAG, botando man do aniversario das Irmandades da Fala, apelou no acto á “bandeira ergueita do espírito”. “Mentres que
haxa xente que coma vós veña a abrazar esa bandeira sempre haberá quen defenda o noso idioma”, dixo.
DEZASETE PAÍSES
O alumnado chega a Galicia para se mergullar na nosa cultura procedente de diferentes comunidades autónomas de España e doutros 16 países de Europa, América e Asia: Alemaña, Reino Unido, Finlandia, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Rusia, Suíza, Arxentina, Brasil, Chile, Estados Unidos, Singapur e Xapón. Ademais de asistir estas tres semanas a clases teóricas e prácticas, o estudantado poderá gozar dunha programación que inclúe conferencias, visitas a lugares de interese cultural e natural e obradoiros de música e baile galego, entre outras propostas.
No apartado de palestras participarán a cantautora María Xosé Silvar Ses, a escritora e xornalista María Solar, a tamén escritora e catedrática de Didáctica das Ciencias da USC Marilar Aleixandre, o autor e director teatral Cándido Pazó, o catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto, a profesora da Universidade de Varsovia Maria Boguszewicz, o profesor da Universidade de Wisconsin-Milwaukee Gabriel Rei-Doval e o académico e catedrático de Filoloxía Románica da USC Francisco Fernández Rei.
O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, tamén impartirá unha conferencia ao alumnado tras a visita á sede da Academia prevista para o vindeiro 8 de xullo. A Fundación Rosalía, a Fundación Otero Pedrayo ou o Museo do Pobo Galego figuran igualmente na listaxe de visitas dun programa que inclúe, entre outras actividades, un espectáculo do dúo Aldaolado; un recital de novas voces poéticas conducido por Gonzalo Hermo, ‘Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández’ de 2015, e protagonizado por Olalla Cociña, Silvia Penas, Francisco Cortegoso e Xesús Castro; e un obradoiro de música galega a cargo da Central Folque.