Luís Villares: “En todas as provincias temos probas da miseria moral e política de Feijóo e o seu goberno que provocou sufrimento na xente co único obxectivo de cumprir coa Troika”
O candidato á presidencia da Xunta xunto co cabeza de lista de En Marea pola Coruña, Antón Sánchez, e a número 2, Luca Chao, participaron esta semana nun encontro aberto á cidadanía nas Pontes.
O candidato á presidencia da Xunta falou do engano a que foi sometida á cidadanía a quen se lle convenceu de que non había alternativas a comprar unha vivenda e ninguén nos desenganaba e os que si advertían da burbulla inmobiliaria os acusaban de non saber do que falaban. Un engano para poder continuar facendo negocio e aumentando o prezo das vivendas. O poder político estaba no allo, foi creo as condicións para que o poder económico puidese impoñer as súas condicións nas normas por medios duns políticos que eran uns meros monicreques e que traballaban para eles. Tivemos que chegar a Europa para demostrar as inxustizas que estaban acontecendo no noso país. Villares relatou a súa experiencia como xuíz e todas as trabas que lle puxeron tamén aos xuíces para defender os intereses da cidadanía contra os ataques dos poderes económicos e políticos.
Esta experiencia é a que leva ao candidato de En Marea a falar das “miserias de Feijóo, de goberno miserable, de líder e equipo miserable, e paréceme un termo amable despois de ver como en Lugo semana tras semana durante tres anos entraban pleitos por pensións denegadas por parte da Xunta de Galicia a dependentes que tiñan dereito a ela simplemente para cadrar as contas a final de ano, xente desesperada que non tiñan para atender aos seus familiares mentres Feijóo sacaba peito de cumprir coa Troika” denunciou Villares.
“Falar de sufrimento é a realidade, a fiscalía do TS dixo na primaveira que había cargos da Xunta que deberían ser sentados no banquillo por prevaricación e homicidio imprudente por denegar a enfermos de hepatite C medicamentos aos que tiñan dereito para se curar e os deixaron morrer simplemente para cadrar o déficit. Isto é sufrimento, é miseria moral e miseria política inaceptable. Qué candidato se presenta con este historial, qué candidato se presenta sen dimitir nin facer dimitir a ninguén, pois un candidato miserable. Isto na Coruña, pero en Ourense e en todas as provincias temos exemplos desta miseria. É a desfachatez, a desvergoña” salientou Luís Villares.
O cabeza de lista da candidatura pola Coruña, Antón Sánchez, salientou que desde En Marea “loitamos contra Feijoo, o Partido Popular e os seus poderosos amigos que os financian a cambio de favores”. “Teñen pánico a perder os seus privilexios que durante todos estes anos Feijoo lles concedeu contra o intereses da xente. Vencer a este entramado é fundamental para que o futuro sexa para todos e non para uns poucos» destacou o cabeza de lista pola Coruña.
A número 2 da candidatura pola Coruña, Luca Chao, destacou a “enorme responsabilidade individual e colectiva” que supón “estar á altura dos tempos porque esta vez o proceso de cambio en Galicia pódese gañar”. “En Marea traballará para acadar unhas institucións abertas, accesibles, transparentes e ao servizo das galegas e dos galegos dando prioridade ao servizos públicos de calidade” concluíu.