Redacción •  Galicia •  04/11/2016

EU denuncia a actitude da USC e da Xunta que, coa firma dun convenio coa Catedral, acaban co modelo aconfesional que deben seguir ambas entidades

Esquerda Unida tacha de vergoñento e bochornoso o convenio asinado entre a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Turismo, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) coa institución relixiosa representada pola Catedral de Santiago, e que agora se pode ver na nova web de transparencia da Xunta de Galicia, no que se deixa claro que é a propia Igrexa quen nomeará aos cargos para unha nova cátedra da USC sobre as peregrinacións e que será a administración pública a que soporte a financiación da Cátedra Institucional “do Camiño de Santiago e as Peregrinacións”.

EU denuncia a actitude da USC e da Xunta que, coa firma dun convenio coa Catedral, acaban co modelo aconfesional que deben seguir ambas entidades

Este acordo, recollido en exclusiva polo diario Praza, manifesta como se despreza a necesaria aconfesionalidade que debe imperar na administración pública así como nunha institución académica dedicada ao coñecemento científico como é a Universidade de Santiago de Compostela (USC) pois o acordo non implica realmente ningunha obriga seria para a Igrexa que, ademais, será quen teña o privilexio de seleccionar o persoal co que se dotará dita Cátedra.

Esquerda Unida denuncia a existencia deste tipo de acordos sen obrigas para a Igrexa cando, por poñer só un exemplo ilustrativo, unha gran cantidade de mozas e mozos universitarios se vén na obriga de renunciar a proseguir cos seus estudos por teren problemas económicos.

Ante esta situación, Esquerda Unida reafirma a necesidade dunha suficiencia financeira para a Universidade pública galega, reclama a necesaria separación de Igrexa e Estado e esixe que a Igrexa non obteña privilexios con diñeiro público e que esta financie en pé de igualdade as actividades que a impliquen.


Galicia /  laicidad /  Xunta de Galicia /