Redacción •  Galicia •  05/03/2017

O Partido Comunista de Galicia celebrou onte a mesa redonda «Mulleres con Clase» dentro das actividades conmemorativas do 8M

A Casa Museo Casares Quiroga da Coruña acolleu no día de onte, sábado 4 de marzo, a mesa redonda que baixo o título “Mulleres con Clase” analizou a realidade de loita sindical dende a perspectiva feminista no marco das actividades que está a desenvolver polo 8M Día Internacional da Muller Traballadora.

O Partido Comunista de Galicia celebrou onte a mesa redonda «Mulleres con Clase» dentro das actividades conmemorativas do 8M

Isabel Sánchez Corral, responsable da secretaria de muller do PCG e activista no movemento feminista, deu inicio ao acto sinalando que “non estamos no acto para celebracións, senón para reivindicar unha vez máis no 8M a situación de desigualdade que sofren as mulleres ao longo do mundo”. Así mesmo no centenario da Revolución de Outubro recordou “os avances que significou para o conxunto de mulleres de todo o mundo, non só de Rusía” tais como a liquidación das leis de desigualdade, o recoñecemento do dereito ao divorcio, a asunción do aborto por parte do sistema público de saúde ou a abolición da prostitución.

A continuación interveu Olalla Carballeda Feijoo, representante sindical no telemáketing e secretaria da Federación de Servizos á Cidadanía do sindicato en Galicia, asumindo ser unha das moitas traballadoras que son o reflexo da muller asalariada e sindicalista en sectores altamente feminizados. Destacou que na súa empresa “son precisamente as mulleres as que maiores reducións de xornadas sufrimos, como mediante modificacións de condicións de traballo son expulsadas traballadoras con cargas familiares. Máis a loita sindical está acadando pequenas vitorias e crecente apoio sindical como vimos fai uns meses no caso de Extel”

Paula Vázquez Arce, activista estudantil e representante claustral na UDC, amosou como as asociacións e sindicatos universitarios veñen de incorporar nos últimos anos a loita feminista como un eixo prioritario de traballo. Explicou tamén como “as mulleres estudantes son segregadas pola súa clase, pero tamén pola calidade da formación que recibimos que se ve afecta pola discriminación das aulas e os traballos domésticos que hai que asumir” recordando as violencias sufridas nos últimos anos en casos como os dos profesores Domingo Neira e Luciano Méndez.

Por último, Loli Rey Amo, representante sindical no sector da axuda a domicilio por CCOO, denunciou a degradación do seu colectivo profesional con case trescentas mulleres empregadas e a falta de apoios institucionais. Como “cada dous anos rotamos de empresa, con novas normas, multinacionais que só miran por gañar diñeiro e non pensan no traballador”.


Día de la Mujer Trabajadora /  Galiza /