Redacción •  Galicia •  05/06/2019

Esquerda Unida considera imprescindible modificar o sistema productivo para evitar a situación de colapso enerético e ambiental que ameaza o planeta

A celebración o 5 de xuño do día Mundial do Medio Ambiente ten este ano como protagonista a loita contra a contaminación do aire. As conclusións de prestixiosos organismos académicos e institucionais, non deixan lugar a dúbidas sobre o grave perigo que supón para a saúde humana a contaminación. Trátase dun risco grave e tan xeneralizado que atinxe nin máis nin menos que ao 90% da poboación mundial.

Esquerda Unida considera imprescindible modificar o sistema productivo para evitar a situación de colapso enerético e ambiental que ameaza o planeta

Tampouco hai dúbida da orixe dese problema, unha orixe compartida con  outras perturbacións  que ameazan a estabilidade do propio planeta, como o quecemento global, a perda de biodiversidade ou a acidificación dos océanos. As expectativas son desalentadoras fronte a unha evidencia:  a organización do noso sistema produtivo, depredador da natureza e altamente dependente dos combustibles fósiles non é viable. Ata os máis reacios actores económicos deben admitilo.

Grazas ás Accións en defensa do clima promovido en gran medida pola xente máis nova, estánse a coñecer os riscos da tendencia imposible de revertir, e as causas culturais e económicas que están no fondo do problema. Parécenos un bo sinal o feito de que apareza identificado o capitalismo como o principal culpable. Porque non esquezamos que a esquerda política é a que leva máis anos insistindo nunha defensa do medioambiente máis avanzada, destacando a necesidade de políticas ambientais transversais e poñendo moitos recursos na elaboración de programas ambiciosos e plurais que saiban combinar a igualdade,  a xustiza social e a prosperidade cun sistema produtivo sustentable e viable.

Agora, cando  parece que se vai perfilando  a idea da inminencia dun colapso enerxético e ambiental, o capitalismo verde xa comeza a propoñernos falsas saídas, como as técnicas de secuestro de carbono ou a xeralización de automóbiles eléctricos.

En Esquerda Unida somos conscientes de que non hai saídas sinxelas ao problema, non hai atallos. Defender que só cunha inversión xeralizada e urxente en enerxías renovables poderíamos resolver dunha vez todos os problemas, faríanos cómplices dese capitalismo verde que denunciamos, o que insiste en que a tecnoloxía nos vai salvar. Sabemos que non hai solucións tecnolóxicas milagrosas.

A saída a esta situación de ameaza de colapso debe ser dunha escala que supera calquera outra á que nos teñamos enfrontado nunca. Os cambios do sistema enerxético, no modelo produtivo e de redución do consumo, as medidas de protección da biodiversidade, os cambios no modelo de transporte, no modelo de produción e distribución de alimentos, no deseño das cidades e os cambios da articulación entre as vilas e o rural, van ser, queirámolo ou non, dunha intensidade tal que vai supor un cambio do noso modo de vida a moi curto prazo.

En Esquerda Unida levamos anos reflexionando acerca das ferramentas e obxectivos desa transición ecolóxica e no deseño dun novo modelo produtivo que resulte o suficientemente sólido, e iso para necesariamente por contar coa participación dos colectivos, activistas, organizacións e institucións que levan tempo debatendo e experimentando os aspectos máis concretos para este cambio de paradigma.

Aprendemos dos grupos ecoloxistas, ecofeministas, dos defensores da soberanía alimentaria, dos activistas urbanos que amosan as vantaxes da mobilidade sostible e as canles curtas de comercialización, dos cooperativistas traballadores que revitalizan o rural. A articulación de todos eses coñecementos corresponde á política.

Dende Esquerda Unida, levamos anos traballando na creación dun sistema de transición. A maioría dos proxectos políticos defenden o medio ambiente dun xeito ceremonial, sen tocar o tema de fondo: idear un sistema xusto e igualitario que se adapte a unha redución radical no consumo de materiais e enerxía.


Esquerda Unida /