Esquerda Unida incide en que as políticas de emprego baseadas na temporalidade rematan por volver crónica a miseria e a precariedade
Dende Esquerda Unida recalcamos que é vergoñento que o PP venda as cifras ofrecidas esta mañá polo Ministerio de Emprego como un éxito, xa que o emprego creado é por mor da estacionalidade, moi precario e, un 92% dos contratos firmados durante o mes de xuño son temporais, o que incide na desvalorización dos salarios e na consolidación da precariedade.
En Galicia, vemos como segue a baixar a poboación ocupada, a poboación activa, polo que o mercado laboral é máis pequeno. No noso país moitas persoas, especialmente mozas e mozos, deixan de estar paradas porque desisten de buscar emprego, non porque pasen a traballar, polo que optan por volver estudar ou emigrar, entre outras cousas. Grazas ás políticas de emprego do PP, os traballadores e as traballadoras teñen que firmar contratos baseados na miseria, precariedade e a desigualdade, contratos que rematan cos dereitos fundamentais das persoas.
A proporción de traballadores con contrato temporal aumentou notablemente durante o goberno do PP e grazas ás súas políticas, as características dos contratos son cada vez máis deplorables, xa que as taxas de temporalidade e parcialidade son superiores e, as remuneracións, moito máis inferiores, polo que traballar non é sinónimo de vivir dignamente ou de tan sequera chegar a fin de mes.
As políticas do PP acaban cos dereitos laborais
Dende Esquerda Unida estamos, dende fai uns anos, seriamente preocupadas polo retroceso en dereitos laborais que reflexan o fracaso das políticas de emprego do Partido Popular. É por iso polo que demandamos que é hora de traballar de para xerar investimento público e crear emprego de calidade, así como definir un plan de emprego estratéxico que permita incorporar á xente moza e parados de longa duración.
É por iso que dende Esquerda Unida demandamos, entre outras cousas, melloras económicas que inclúan a derrogación das dúas últimas reformas laborais (revertendo as súas consecuencias), o apoio aos modelos cooperativos e de economía social, a creación dunha banca pública galega ou a igualdade salarial entre homes e mulleres, xa que son estas últimas as máis afectadas polo desemprego en Galicia, así como por ter salarios máis baixos.
De non cumprir estes obxectivos e dar marcha atrás ás políticas perversas do PP, as consecuencias sobre a clase traballadora van ser aínda máis graves das que xa se están a ver, e consolidaranse no tempo, coa dramática consecuencia dun empobrecemento xeneralizado e a redución da calidade de vida para a cidadanía.