En Marea presenta as súas propostas medioambientais para Galicia
O acto tivo lugar na localidade de Poio coas instalacións da empresa ENCE á vista, á que o goberno do Estado en funcións coa complicidade do goberno de Feijóo ampliou a concesión condenando á zona a 60 anos máis de contaminación.
Fronte a este tipo de prácticas habituais nos gobernos do Partido Popular, o candidato de En Marea á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, defendeu un programa que permitirá demostrar que o valor verde non está rifado co azul do mar, coa industria, coa produción, co turismo, cun futuro sustentable para este país. “Temos políticos tóxicos para Galicia e o seu ata agora Feijóo foi a súa peor bacteria. Temos o peor escenario ambiental e forma de goberno baseado nas portas xiratorias, aquí ten Feijoo a súa porta xiratoria onde ten un conselleiro do seu goberno traballando hoxe para ENCE. Unha política medio ambiental pensada unicamente para favorecer aos seus amigos e amigas. Non é candidato á presidente senón candidato á conselleiro dunha das multinacionais que hoxe están estragando o medio ambiente no noso país” denunciou Villares.
Por iso, En Marea anunciou o saneamento integral das rías para poder crear ata cinco veces máis postos de traballo que cunha ría contaminada. “É posible o desenvolvemento industrial compatible co medio ambiente porque é unha riqueza intanxible pero tamén económica que produce postos de traballo para a xente da ría, do sector primario e do sector turístico” destacou o candidato á presidencia. En Marea defende así mesmo, a transformación do Consello Galego de medio ambiente nun ente vertebrador destas políticas. O aforro enerxético debe presidir a política ambiental da Xunta. Sogama ten que deixar de ser unha simple incineradora para ser un catalizador das oportunidades que da reciclar e reducir os residuos.
Por outra banda a estratexia galega de educación ambiental ten que ser realmente unha educación en valores para que os mozos e mozas saiban que a natureza é unha riqueza económica e non so unha paisaxe como afirmou Luís Villares na súa intervención.
A cabeza de lista de En Marea por Pontevedra, Carmen Santos, destacou na presentación do programa en materia de medio ambiente a importancia de ter en conta os criterios científicos técnicos do persoal que xa existen nas administración, pero tamén participar á cidadanía afectada e as distintas organizacións que participan de xeito activo na loita polo medio ambiente e a defensa do noso país. “A acción colectiva é o camiño para poder crear un novo modelo económico que mellore e dea futuro a Galicia” asegurou.
Ter país digno, limpo e cada vez máis produtivo é o obxectivo de En Marea. Para iso á educación é fundamental que comezará desde os primeiros anos na escola. Así mesmo, os informes de impacto ambiental teñen que se facer desde a independencia de cara contar coas políticas públicas máis eficaces e sempre pensando nos intereses da cidadanía e non das multinacionais como en Pontevedra que ENCE pode crear emprego pero destrúe cinco veces máis coa súa influencia negativa nas rías como destacou Carmen Santos.
Xavier Simón, responsable do área de medio ambiente do programa de En Marea, salientou a necesidade de ser capaces de compatibilizar a economía e a ecoloxía. “Debe ser o punto de partida de todas as políticas da Xunta de Galicia a partir do 25 de setembro. As políticas de medio ambiente teñen que ser medidas transversais que afecten a todos os ámbitos. Este principio é enormemente transformador e só así seremos capaces de responder aos retos que nos demanda a cidadanía pero tamén todos os organismos internacionais” asegurou. O cambio climático para En Marea ten que ser a loita contra este cambio que estamos xa sufrindo todos os días e ten que ter rango de lei. Por iso desde En Marea se impulsará a creación dunha Lei contra cambio climático que englobe todas as medidas necesarias en ámbitos coma o transporte, a enerxía, a vivenda ou a agricultura.
“A Xunta de Galicia ten a estratexia galega de educación ambiental como un rótulo xa que non a dota nin de recursos persoais nin material, En Marea dotará de contido para a converter nunha realidade” anunciou. En segundo lugar, incidiu na aposta de En Marea por converter o Consello galego de Medio Ambiente agora totalmente inoperativo coa súa actual estrutura nun órgano de xeración de ideas e políticas para transformar conxuntamente o país.
Ampliar a rede natura é outro dos puntos importantes do programa de En Marea en materia de medio ambiente, neste momento ten unha protección moi reducida o noso país. Pero sen que signifique que protexer signifique non poder tocalo. Ten que haber planes de ordenación específico para compatibilizar a economía e a ecoloxía.
En último lugar, Xavier Simón, explicou que En Marea deseñará colectivamente unha nova estratexia de xestión dos residuos sólidos urbanos. “O mellor residuo é o que non se xera e o que se xera o mellor é o que non se transporta. Para iso mudaremos a xestión deste servizos. A incineración non pode ser o destino e menos aínda os vertedoiros cando Sogama non da feito. Traballaremos para que os residuos non se transporten, apostamos por un plan galego de compostaxe en colaboración cos concellos e comarcas, para que os residuos se transformen en biofertilizante” concluíu.
En Marea propón unha alternativa medio ambiental seria, solvente, coherente e responsable en materia ambiental e económica, defendendo e creando máis postos de traballo cunha aposta polo medio ambiente e contra as actuais políticas de portas xiratorias e amiguismo.