Redacción •  Galicia •  05/09/2019

Eva Solla insta ao Goberno a cubrir as prazas vacantes no Sergas dende o ano 2009 e a publicar as cifras do persoal en activo a prol da transparencia

No Día Mundial da Saúde Sexual, Eva Solla resaltou a importancia de que o Goberno “elabore campañas informativas sobre enfermadades sexuais ante o repunte destas, especialmente na poboación moza”.

Eva Solla insta ao Goberno a cubrir as prazas vacantes no Sergas dende o ano 2009 e a publicar as cifras do persoal en activo a prol da transparencia

Eva Solla, deputada do Grupo Común da Esquerda e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, lembrou esta mañá na Comisión de Sanidade a situación de precariedade e temporalidade que sofre o persoal dos servizos sanitarios polas duras políticas de recortes impostas polo PP, así como pola súa teima en amortizar prazas e non convocar as necesarias Ofertas Públicas de Emprego “cando o que temos que facer é cubrir o 100% das prazas vacantes producidas dende o ano 2009”, recalcou.

Solla comezou a súa intervención “trasladando o seu malestar polo verán que se viviu na atención primaria”, debido aos recortes de persoal, sobre todo no eido da enfermaría, un problema que tachou de “bola de neve”, xa que “a problemática de ter amortizado prazas e ter recortado persoal durante tantos anos é que agora isto é un problema que ten unhas dimensións complexas para a súa solución”.

En relación aos datos dos profesionais, Solla lembrou que “en verán xa denunciáramos que o Presidente mentiu na cámara, o informe do Consello de Contas arroxa datos que recalcan o incremento da temporalidade, ao contrario do que dicía Feijóo, e que trasladan un 40% de temporalidade na atención especializada e 28% na primaria”, dixo.

Por todo isto, Eva Solla solicitou “unha desculpa por parte do Presidente da Xunta de Galicia co persoal sanitario” e incidiu en que “os recortes continuos en sanidade son inadmisibles”. Tamén instou ao Goberno a publicar as cifras das e dos traballadores en activo, diferenciando o persoal fixo e temporal, en cumprimento da lexislación vixente, de xeito que exista transparencia sobre as cifras e se evite a opacidade.

Prevención de Enfermidades de Transmisión Sexual (ETS):

Hoxe, Día Mundial da Saúde Sexual, tamén levamos á Comisión de Sanidade unha serie de medidas en relación á prevención de enfermidades de transmisión sexual, “que están aumentando no conxunto da poboación, especialmente na poboación moza, onde ascenderon os casos de gonorrea; o que fai necesario que se revisen as campañas de información sexual, especialmente dirixidas a este colectivo”, sinalou.

É por iso que a deputada incitou ao Goberno a “poñer en marcha un estudo sobre incremento da incidencia das ETS en Galicia, así como deseñar unha campaña activa sobre o uso de profilácticos dirixida á poboación xeral, pero tamén de xeito específico, ás persoas mozas”. Ademais, “sería importante levar a cabo un estudo para a financiamento de profilácticos, tales coma preservativos e cadrantes de látex, unha demanda que levamos dúas iniciativas defendendo”.


gobierno autonómico /  transparencia /  Xunta /