En Marea rexeita unha Lei de Saúde que só consolida portas xiratorias, negocio privado e precariedade laboral e asistencial
Tralo bloqueo do PP da proposta de todos os grupos da oposición de retirar da orde do día do pleno o debate da reforma da Lei de Saúde, logo da contestación social á nova norma, a voceira de Sanidade de En Marea Eva Solla comezou a súa intervención agradecendo o traballo da Plataforma SOS Sanidade Pública, presentes na tribuna, por mobilizarse “cada vez que a consellería produce un atropelo novo contra o sistema de saúde”.
“Non é unha actualización”, sinalou Solla, “o que presentan é unha contrarreforma a unha lei que foi pisoteada e cambiada por vostedes en multiples ocasións, pois nunca respectaron os principios contidos no texto”. Para En Marea despois de todos estes meses de debate o PP debería retirar esta lei, atendendo todas as emendas de devolución. “Pídenllo a totaidade dos axentes soiais e milleiros de persoas que esixiron e clamaron para que retiraran esta lei, pero seguen facendo oídos xordos”.
A parlamentaria de En Marea acusou ao PP de non escoitar as máis de mil reclamacións que se fixeron cando se publicou a reforma no mes de agosto. “Desprezan a todas as persoas, seguramente moitas delas non votantes da oposición, que viñeron este domingo a Santiago dende toda Galicia, desprezan a colexios profesionais e a colectivos sanitarios. Non queren retirar o texto porque forma parte do seu plan para destruír a sanidade pública, para recortar dereitos paulatinamente, para que a sanidade pública cada vez esmoreza máis”.
Por un lado, a supresión das Áreas Sanitarias alonxa dos servizos ás persoas que viven no rural, sen respectar que o dereito á saúde “ten que ser universal, equitatitva, igualitaria para todas as persoas independentemente de que vivan en calquera punto de Galicia”. Así, cando se fala dos beneficios de pertencer a servizos máis amplos estase falando de precariedada laboral, mobilidade forzosa e polo tanto peor calidade asitencial, de recentralizar a sanidade. “Tampouco cren na Atención Primaria”, sinalou Eva Solla, “que xa só ten asignado o 13% do orzamento sanitario, mentres que a metade xa está dedicado a empresas privadas”.
“Este texto está feito para consolidar as súas portas xiratorias, a entrada da empresa privada e a privatización da investigación, pois empregan como eufemismo a transferencia inversa do coñececemento para xustificar as licenzas a terceiros para a explotación de dereitos derivados da investigación”, denunciou Eva Solla para quen o obxectivo final da investigación só debera ser a mellora da sanidade pública”.
“Canto lle estan pagando ás empresas privadas por trasladar a pacientes á concertada? Quen decide as plantas que se pechan? Quen que se traslanden á sanidade privada? Quen marca eses prezos?” preguntoulle Eva Solla ao conselleiro de Sanidade, “pode empregar os medios de comunicación para insultar a esta deputada e ao resto dos gurpos pero non hai medios de comunicación suficientes que acalen os recortes do sistema sanitario publico, saia e ilumínenos cos datos que leva un ano negando á oposición”
Solla lembrou “que o que se lles ofrecía era diálogo, seguramente hai máis dereitos sanitarios que dotar, pero non queren escoitar a ninguén e é unha mostra evidente de soberbia e necedade, pois só quen goberna de maneira despótica non escoita o seu pobo”.
Na quenda de réplica En Marea tamén criticou duramente as condicións nas que traballan as profesionais sanitarias. “Digan cantos contratos fan, por cantas horas… as condicións de miseria nas que están traballando os profesionais, ademais das chapuzas das privatizacións”. “Iso si, dende que eliminaron as xerencias incrementaron un 9% os gastos en altos cargos, porque sempre hai un posto para enchufar a alguén”, concluíu.