navantia.es •  Redacción •  Galicia •  06/09/2016

“Era previsible a quince días das eleccións que Feijóo viñera a anunciar unha vez máis unha carga de traballo no naval que nunca termina por se facer realidade”

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia de En Marea, Luís Villares, lamentou o uso partidista e electoral que está a facer o candidato do PPdeG, Núñez Feijóo, dunha empresa pública como Navantia e un sector tan importante para o noso país como o naval. “Era previsible a carga de traballo nos estaleiros a quince días das eleccións. Pode suceder dúas cousas que poda ser algo que queda en fume como aconteceu hai catro anos, ou que sexa algo real o que nos leva a pensar na utilización electoralista de Navantia, unha empresa pública, que se xustifica pola súa capacidade técnica e de innovación tecnolóxica e os seus traballadores que a sitúan como punteira no mundo. Se conseguen contratos non é por Feijoo senón polos seus traballadores que sitúan á empresa nunha das mellores do mundo no naval” afirmou Luís Villares.

“Era previsible a quince días das eleccións que Feijóo viñera a anunciar unha vez máis unha carga de traballo no naval que nunca termina por se facer realidade”

Fronte este xeito de actuar, En Marea considera que un goberno galego responsable o que ten que facer é posicionarse por entrar no Consello de administración de Navantia para poder mellorar a capacidade comercial e as contas da empresa e en segundo lugar pular pola construción do dique seco e polos investimentos en I+D+I para acadar unha boa colaboración entre Navantia e universidades galegas. Así mesmo, é necesario renovar o cadro de persoal de Navantia e conseguir carga de traballo “que non ten que vir dun anuncio electoral de Feijóo senón dunha xestión efectiva do Consello de administración”.

Unha vez máis a presión social acabou coas portas xiratorias do PP

Luís Villares referiuse tamén ao rexeitamento do ex Ministro Soria do posto no Banco Central Europeo lembrando a denuncia repetida estes días desde En Marea sinalando a existencia de “políticos tóxicos con políticas tóxicas, con portas xiratorias que lograban colocar aos que traballaron para as empresas nas propias empresas ou entes internacionais que cumprían as mesmas funcións”. “Afortunadamente a presión pública acabou con este nomeamento do que nos congratulamos e animamos a continuar denunciando o que nos denunciabamos onte diante de ENCE, unha empresa contaminante que non xera valor engadido para a ría, e que está participada por Isabel Tocino ou Carlos del Alamo, antigos ministros ou conselleiros de medio ambiente que demostran unha vez máis que existe unha clara relación entre a xestión do público cara intereses privados e a posterior colocación neses interese privados. Iso será algo que con En Marea non se producirá” declarou Luís Villares.

Encontro coa cidadanía en Ames

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, realizou estas declaracións momentos antes de manter un encontro coa cidadanía de Ames no que tamén participaron o cabeza de lista pola Coruña, Antón Sánchez, a número 2, Luca Chao, o número 3, Manolo Lago, a número 6, Flora Miranda. O candidatos e candidatas de En Marea foron presentados pola concelleira de Ames Novo, Pilar Candocia. No encontro presentouse o proxecto de En Marea para o noso país baseado na xustiza e na solidariedade con cuestións como a participación da cidadanía e a transparencia como elementos esenciais e irrenunciables para o futuro goberno da Xunta de Galicia de En Marea que logrará converter a Galicia nun país “máis xusto”.


En Marea /