Esquerda Unida denuncia en Bruxelas o grave deterioro que sufre a sanidade pública galega polos recortes e privatizacións que impulsa a Xunta
Os eurodeputados Sira Rego e Manu Pineda apuntan que as medidas que están a por en marcha dende o Goberno de Feijóo vulneran a Carta dos dereitos Fundamentais da Unión Europea e piden ao Executivo Comunitario que medie para garantir o acceso a uns servizos públicos de calidade.
Compostela, 7 de febreiro de 2020. Os eurodeputados de Unidas Podemos por Izquierda Unida, Sira Rego e Manu Pineda, denunciaron ante a Comisión Europea o grave deterioro que está a sufrir a sanidade pública de Galicia por mor dos recortes e as privatizacións impulsadas pola Xunta. Ambos consideran que estas medidas poden estar a vulnerar a carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea e, por iso, solicitaron ao Executivo comunitario que medie co Goberno de Alberto Núñez Feijóo, para que as galegas e galegos teñan garantido o acceso a este servizo público esencial.
Nunha pregunta parlamentaria, Rego e Pineda destacan que “o deterioro da Sanidade Pública en Galicia” está motivado fundamentalmente “polas políticas de recortes e privatizacións” postas en marcha na última década pola Xunta de Feijóo. Isto provoca que “a equidade no acceso” aos servizos sanitarios a todos niveis das zonas rurais galegas non estea garantida. Unha equidade que se ve reflectida na Carta dos Dereitos Fundamentais da UE nos artigos 21 e 35, referentes á non discriminación e á protección da saúde.
É unha situación que “afecta á atención primaria nos centros de saúde pola falta de cobertura de profesionais, especialmente de pediatría, pero tamén aos hospitais comarcais, como é o caso do Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras, ou do Hospital Comarcal de Verín; obxecto este último do peche do seu servizo de paridoiro e de urxencias pediátricas”.
Pineda e Rego piden á Comisión Europea na súa pregunta que valore e analice se se están vulnerando eses dereitos fundamentais e, ademais, apelan ao principio de subsidiariade da UE para solicitar ao Executivo Comunitario que interceda e “abra un proceso de diálogo” coa Xunta para que se garanta o seu cumprimento.
Eva Solla e Manuel Martín, en Bruxelas
A coordinadora de Esquerda Unida, Eva Solla, estivo precisamente en Bruxelas o xoves participando nunha conferencia sobre a degradación das condicións laborais do persoal sanitario en distintos países de Europa. E xunto a Manuel Martín, portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública, tiveron a oportunidade de explicar a representantes sindicais, traballadores e eurodeputados de distintos partidos da esquerda europea a realidade que se vive en Galicia e como se está vertebrando o movemento de loita en defensa da Sanidade.