Redacción •  Galicia •  07/08/2016

O Foro de reflexión e debate ‘Ler o mundo hoxe…’ reflexionará sobre o diálogo entre universidade e sociedade

O grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC (SEPA_Interea) organiza unha nova edición do Foro de reflexión e debate ‘Lero o mundo hoxe...’ que no curso académico 2016-2017 terá como principal referente o dialogo entre a universidade e a sociedade. SEPA_Interea está recoñecido como grupo de referencia competitiva do Sistema Universitario Galego e está coordinado polo profesor José Antonio Caride.

Esta é unha iniciativa promovida en colaboración e co financiamento do Consello Social da USC, a Rede Internacional de Universidades Lectoras (RIUL), a Rede de Investigación en Educación e Formación para a Cidadanía e a Sociedade do Coñecemento (RINEF-CISOC), así como polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O Foro ten como principal obxectivo “promover e desenvolver unha proposta formativa que –tendo a lectura como eixo central– posibilite miradas e interpretacións plurais sobre as realidades socioambientais no local-global, que fortalezan o compromiso cívico e democrático da comunidade universitaria e dos seus vínculos coa sociedade que a contorna”.

A proposta integra catro lecturas do mundo dende unha perspectiva multidisciplinar e tres actividades transversais. As lecturas converxen con catro das liñas de investigación do grupo: os tempos educativos e sociais, a equidade de xénero, a construción da cidadanía nos procesos de participación social, e a sustentabilidade ambiental. Pola súa banda, as actividades transversais concrétanse nun concurso de microrrelatos, un concurso de ideas para fomentar o hábito lector na Universidade, así como na celebración do Día Internacional da Lectura Universitaria que celebra a Rede Internacional de Universidades Lectoras (RIUL), da que a USC forma parte, e que coincide co 29 de abril de 2017.

Na web do grupo http://www.usc.es/gl/investigacion/grupos/sepa_interea/ e no facebook https://es-la.facebook.com/sepa.interea/, dende os primeiros días do mes de setembro poderase consultar o programa desta iniciativa, a desenvolver entre os meses de setembro de 2016 e maio de 2017, en diferentes espazos e equipamentos de Compostela, Lugo e Rianxo para compartir coloquios, diálogos, música, teatro e literatura nas súas diferentes modalidades (narrativa, poesía, ensaio, …). O equipo de coordinación deste Foro está integrado polos profesores da USC José Antonio Caride, Belén Caballo, Rita Gradaílle, Pablo Meira e Laura Varela, aos que se engade o profesor Héctor Pose, da Universidade da Coruña, membro da Comisión Directiva da RIUL en representación das Universidades galegas.


Universidade de Santiago de Compostela /  USC /