Esquerda Unida apoia e chama a participación nas mobilizacións en Vigo e Compostela a favor do aborto legal en Arxentina
O grupo político sumarase á concentración a favor do aborto legal en Arxentina, que terá lugar este mércores 8 de agosto diante das embaixadas arxentinas por todo o mundo. En Galicia, as manifestacións serán ás 20 horas en Vigo (diante do Consulado Arxentino, na Rúa Príncipe) e Compostela (Praza do Obradoiro). Estas mobilizacións buscan pular pola despenalización do aborto no país.

Paralelamente, tamen hai campañas moi activas en redes sociais, en páxinas como “Campaña Nacional por el Derecho al Aborto Legal, Seguro y Gratuito” que buscan a despenalización do aborto en diferentes países.
Este mércores o senado de Arxentina votará (favorablemente ou non) un proxecto de lei sobre a despenalización do aborto. A interrupción voluntaria do embarazo é ilegal en Arxentina desde 1886. En 1921 permitiuse o aborto en dous supostos: cando está en perigo a vida ou a saúde da muller e cando o embarazo é produto dunha “violación ou atentado ao pudor contra unha muller idiota ou demente”. Pasaría case outro século (2012) para que se agregase outra causa non punible de aborto: o embarazo causado por unha violación. De saír adiante este proxecto de lei, Arxentina uniríase a Uruguai ou México, onde a práctica xa é legal.