O candidato á presidencia de En Marea, Luís Villares, xunto coas candidatas Luca Chao e Mariló Candedo presentaron o programa de En Marea en materia educativa
Anular o calendario imposto pola LOMCE, rematar co peche de escolas no rural, recuperar a gratuidade de libros de texto, fiscalizar os concertos educativos, acabar coa precariedade laboral do profesorado, ou incrementar un mínimo do 5 por cento o investimento dedicado á Universidade, son algúns dos compromisos de En Marea coa Educación.
En Marea presentou esta mañá diante do IES Eusebio da Guarda na praza de Pontevedra da Coruña, o seu programa en materia educativa. O candidato á presidencia da Xunta de Galicia de En Marea, Luís Villares, arrancou a súa intervención facendo mención a reunión entre o candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Deputación de Ourense, Jose Manuel Baltar. “Seguro que é o único galego que non sabe quen é Baltar como tampouco sabía quen era Marcial Dorado. Teremos que explicar quen é Baltar tamén, e dicirlle que é o que falaba de amañar notas nos exames das oposicións e prometía postos de traballo na administración pública a cambio de favores sexuais. Este é Baltar con quen hoxe feijóo está reunido facendo a súa particular coalición” explicou Luís Villares. “Iso é o que entenden por educación en valores, e unha forma de facer política de miseria, moral e política, en primeiro lugar de quen a fai e segundo o que mantén no seu posto político e non cesa a quen sabemos que as fixo” sentenciou.
O modelo de En Marea tamén na materia educativa fundamentase na equidade, igualdade e capacidade de transformar o noso país a través da Educación con propostas que van desde a etapa de 0 a 2 anos ata a educación superior. Recuperar a gratuidade de libros de texto; garantir os comedores escolares no rural e modificar o decreto de comedores nos centros urbanos para que sirvan a unha dobre función por unha banda que permitan socialización dos menores e ademais permitan conciliación de nais e pais; fiscalizar os concertos e anular aqueles que están a recibir os centros que segregan por sexo; ofrecer unha nova oferta educativa en FP que non estea privatizada e coherente ao noso mercado laboral; rematar co peche de escolas no rural; loitar contra a precariedade laboral do profesorado imposta polo PP estes anos; e incrementar un mínimo anual dun 5 por cento o investimento para as Universidades son algúns dos compromisos de En Marea coa educación no noso país.
A número 2 de En Marea pola Coruña, Luca Chao, asegurou que a educación é o piar no que debe asentarse a xustiza social e que os éxitos e fracasos da nosa educación son éxitos e fracasos políticos. A igualdade de oportunidades precisa de todos e todas que non deixe a ninguén atrás todo o contrario do que estivo a facer nestes anos o goberno de Núñez Feijóo e o goberno central do PP. “Se gastamos o diñeiro de todos e todas nos en formar a unha xeración xa está ben de que sexan outros países os que se benefician desta formación” afirmou. Luca Chao denunciou a verdadeira intención dos gobernos do PP e do candidato Feijóo que “ocultan un modelo de privatización e facer da educación un lugar elitista onde os fillos e fillas dos que máis teñen gocen de máis oportunidades”.
Fronte todo isto, En Marea aposta por impulsar medidas que aposten pola inclusión e igualdade de oportunidades, acceso universal a estudos superiores cunha política de bolsas de axudas adecuada. Aumentar os recursos que permitan atraer o talento agora por todo o estado do Estado e no estranxeiro, aumentar contratación persoal docente investigador. Unha sangría de talento formada por todos e todas que fornece o corpo docente de outras universidades de todo o mundo onde pensan que somos unha xeración extremadamente formada. Por en marcha programas autonómicos de acceso ao primeiro emprego, potenciar traballo en rede do sistema universitario de Galicia.
“En política o compromiso demostrase con orzamento e por iso melloraremos progresivamente o investimento dedicado ás universidades, cun mínimo anual dun 5 por cento que permitirá contar en 2010 cun aumento dun 21 por cento no financiamento universitario” anunciou a número 2 de En Marea pola Coruña.
A candidata pola Coruña e coordinadora de programa en materia educativa, Mariló Candedo, destacou que o programa de En Marea formouse en base aos acordos aos que chegaron coa comunidade educativa que as organización políticas que estaban no Parlamento e que agora están integrados en En Marea. “Ábrese camiño de esperanza para que a Educación sexa un vector de cambio, estes anos tivemos tormenta perfecta embarcados nunha política de desmantelamento do sistema educativo público desde goberno central do PP e o goberno Feijóo en Galicia un goberno seguidista e cumpridor das políticas agresoras contra a Educación pública e pese a ter en contra a toda a comunidade educativa do noso país” denunciou Candedo.
XUNTANZA DE EN MAREA CO REITOR DA UDC
O candidato á presidencia de En Marea e as candidatas pola Coruña, Luca Chao e Mariló Candedo, mantiveron unha xuntanza co reitor da UDC, Xulio Abalde, no que puideron constatar os principais problemas que ten a UDC. O primeiro deles un brutal recorte do investimento en I+D+I, en segundo lugar a ausencia de taxa de reposición de profesorado acorde coas necesidades propias da UDC, problema estrutural pola falla de financiamento derivado do plan galego.
Desde En Marea defenden que non é posible falar dun país avanzado que non coide adecuadamente a súa universidade. Neste sentido En Marea comprométese a un incremento orzamentario dun 5 por cento como mínimo anual en relación tamén co PIB para mellorar o investimento das Universidades. En Marea considera as Universidades estratéxicas non só que depende a innovación e tecnoloxía senón tamén o futuro laboral e estabilidade de moita xente dentro e fora das Universidades. O coñecemento tecnolóxico, científico en xeral xera moita máis riqueza do gasto que supón. O Partido Popular pode considerar as Universidades como un gasto pero En Marea o considera un investimento.
Así mesmo, é preciso establecer unha nova relación entre a Universidade e a Xunta de Galicia, como xa ten demostrado o goberno da Marea na Coruña onde xa existe este novo modelo de relación co establecemento de convenios de colaboración en materia de saneamento, deportes, servizos e a partir do ano que ven na elaboración tamén de políticas públicas compartidas. Un camiño que seguirá tamén a Xunta de Galicia coa chegada de En Marea ao goberno galego o vindeiro 25 de setembro. Propoñemos reforzo do Consello galego de Universidades para que sexa un espazo de entendemento.
XUNTANZA COA PLATAFORMA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO DE GALICIA
Dentro das xuntanzas organizadas por En Marea co obxectivo de facer unha escoita activa e presentar as liñas programáticas de En Marea, o candidato á presidencia e as candidatas de En Marea pola Coruña mantiveron un encontro a primeira hora desta maña cos representantes da Plataforma galega en defensa do ensino público de Galicia. Luís Villares amosou o compromiso firme co ensino público de En Marea que pasa pola paralización do calendario da LOMCE como primeira medida a executar por parte do goberno galego de En Marea, así como a rematar co peche de escolas, recuperar os servizos tanto para aumentar a calidade educativa como para a propia situación laboral dos docentes e das docentes. Un dos portavoces da plataforma, Lois Taboada, lamentou a política orzamentaria en materia de educación, a LOMCE imposta polo PP, e a situación de desolación na que o PP sumiu a educación pública no noso país “co goberno do Estado e cun goberno autonómico que de xeito disciplinado veu despregando cada unha destas medidas que a comunidade educativa galega rexeitou unanimemente”.