A pobreza centra a vindeira xornada do Movemento Galego da Saúde Mental
Este luns 10 de outubro, co gallo do Día Mundial da Saúde Mental, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) organiza unha xornada na que a pobreza será a protagonista. Comezará ás 17 horas e desenvolverase na Aula Castelao da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, inaugurada pola concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde do Concello de Santiago, Concepción Fernández, e a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro Landín.
A primeira mesa vinculará a enfermidade mental e a pobreza e estará moderada pola psiquiatra Iria Veiga Ramos. Participará o psiquiatra Ramón Ramos Ríos, que abordará a pobreza e o trastorno mental grave; a psicóloga clínica Delia Guitián Rodríguez, que se centrará no suicidio; e Miguel Vieito Villar, xurista especializado en dereito á saúde e vogal do Comité de Ética Asistencial do CHUS, que se cuestionará sobre a relevancia xurídica dos factores emocionais.
Á continuación, comezará unha conferencia coloquio, presentada pola psicóloga clínica Rocío Basanta Matos, e que levará o título «A exclusión social en Galicia». A conferencia correrá por conta de Pedro Fuentes Rey, sociólogo e membro do equipo de estudos de Cáritas Española.
MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL
O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental da comunidade e a defensa da súa atención pública, ante o grave deterioro que está a sufrir e o dano que se está a causar nos dereitos das persoas. Está formado por máis de catrocentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns que comparten a súa Declaración, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CCOO) , Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo, Albores, Lenda), Xuíces Pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de profesionais de drogodependencias, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas, Equipo Boa Vida, Asociación Galega de Saúde Mental – Asociación Española de Neuropsiquiatría, Plataforma en defensa da Profesionalización dos Servizos Sociais.