Esquerda Unida súmase e fai un chamamento ás mobilizacións contra o desmantelamento da Atención Primaria dos vindeiros 9, 10 e 11 de abril
Eva Solla: “Os recortes da nosa sanidade se materializaron fundamentalmente na Atención Primaria, cando esta debera ser a máis fortalecida do sistema por ser a encargada da promoción saúde e da prevención, aínda que é sistematicamente recortada e maltratada por parte do PP”.
Compostela, 08 de abril de 2019. Esquerda Unida súmase ás mobilizacións, convocadas por SOS Sanidade Pública, encamiñadas a frear o desmantelamento da nosa sanidade, especialmente da Atención Primaria, posto en práctica polo goberno do PP nestes últimos anos e a prol de atender as demandas do persoal sanitario, solucionar o conflito dos PACs e dedicar máis orzamento de cara a dar unha axeitada calidade de servizo á cidadanía. Para iso, os vindeiros 9 e 10 de abril haberá concentracións nos centros de saúde e, o xoves 11, unha mobilización ás 12 da mañá na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela.
Tal e como explica a coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla, dende Esquerda Unida levamos anos denunciando que “os recortes en materia de persoal, en recursos e infraestructuras, por parte da Xunta de Galicia en todo o Servizo Galego de Saúde, se materializaron fundamentalmente na Atención Primaria, cando esta debera ser a máis fortalecida do sistema por ser a encargada da promoción saúde e da prevención, aínda que é sistematicamente recortada e maltratada por parte do PP”.
“As carencias en canto a enfermería e medicina fan que en moitos centros de saúde teñamos esperas de sete días ou dez días, que son unha vergoña e fan que sexa imposible cumprir co dereito de acceso á saúde en condicións de equidade e en condicións de calidade asistencial”, son por estas eivas concretamente polas que os profesionais apoian estas mobilizacións e “folga histórica”, coa fin de esixir melloras para a nosa sanidade pública, un dereito de todas as galegas e galegos a ter unha Atención Primaria de calidade.
Segundo sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida, “a Xunta de Galicia dedica menos dun 13% do orzamento global da Consellería á Atención Primaria”. Dende Esquerda Unida, en consonancia coas demandas das e dos profesionais, esiximos que ese orzamento sexa, ao menos dun 25% para incrementar o cadro de persoal de Atención Primaria.
Por último, “demandamos que se recuperen as xerencias de Atención Primaria e que estas e estes profesionais teñan a capacidade de decidir e organizar o traballo con orzamento propio para permitir, por exemplo, dar as consultas de atención domiciliaria en condicións de calidade. Pero tamén que o persoal poida dedicarse á educación para a saúde e á investigación; é dicir que podamos ter unha sanidade pública e Atención Primaria de calidade”, algo que só se consegue escoitando aos profesionais que están en folga para defender os nosos dereitos.