Eva Solla debateu en Compostela sobre os retos a futuro da sanidade en Galicia
A candidata número tres ao Parlamento de Galicia pola provincia de Pontevedra e profesional do sector sanitario, participou este mércores no debate “A Sanidade en Clave Política: Retos en Galicia 2016 – 2020”, que tivo lugar na sede do Colexio Oficial de Médicos de Compostela.
O acto foi organizado polo grupo editor da revista Gaceta Médica, e contou coa presenza das principais forzas políticas que concorren ás eleccións galegas do vindeiro 25 de setembro, así como cunha representación dos partidos que competirán nos comicios en Euskadi, que se celebrarán na mesma data.
No encontro, Eva Solla defendeu unha sanidade pública universal e de primeira calidade, para o que considera de vital importancia rematar co “abandono do persoal sanitario”, a mellora de cuxas condicións laborais é unha das propostas integradas no programa de En Marea para estas eleccións.
Sobre o modelo sanitario, a candidata viguesa referiu que o cambio de modelo experimentado nos últimos anos non foi unha cuestión só de Galicia, senón que se trata dunha tendencia a nivel do estado español e da Unión Europea, que mudou o enfoque preventivo cara a un modelo de atención “máis especializada”, porque é neses hospitais onde “hai máis posibilidades de negocio”. “É un tránsito dun modelo baseado no dereito á saúde cara a un modelo centrado na saúde como un nicho de negocio”.
“No caso de Galicia, a mala xestión do sistema sanitario, que non só xenerou a perda de profesionais ou os recortes a nivel orzamentario e as consecuencias que esto tivo na prestación da asistencia sanitaria, fixo que o Consello de Contas advertira este ano do desaxuste sistemático entre o orzamento e o gasto sanitario en Galicia, así como da vulneración da obriga de control interno dentro da Consellería de Sanidade e das ampliacións continuas de crédito relativas á farmacia hospitalaria”. Solla concluíu suliñando que todo isto indica “que non só se está recortando e privatizando o sistema público, senon que ademáis a xestión económica é moi deficiente”.