Aprobada por unanimidade de En Marea para que a familia Franco devolva as estatuas do Pórtico da Gloria ao concello de Santiago
Máis de cincuenta anos despois do “espolio de espolios” ao que someteu a familia do ditador Francisco Franco boa parte do patrimonio público, o Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade unha proposición de En Marea para que o Goberno da Xunta colabore na recuperación das estatuas do Mestre Mateo pasando das mans da familia Franco ao concello de Santiago.
Ademais, unha vez resolto o litixio interposto polo Concello de Santiago sobre a propiedade das estatuas de Abraham e Isaac, de ser o caso, tamén se insta á Xunta a colaborar con esta Administración local, na súa condición de lexítima propietaria, nas posibles tarefas de restauración e posta en valor destes bens.
Tamén se aprobou a proposta de inciar de xeito inmediato o procedemento para a declaración como bens de interese cultural (BIC) das devanditas esculturas.
A encargada de defender a inciativa, a deputada Luca Chao, fixo un repaso polo saqueo do patrimonio, tanto público como privado, perpetrado durante anos baixo o paraugas do franquismo para uso e desfrute da familia do ditador. “Esa longa noite de pedra séguenos interpelando hoxe aquí, como representantes electos da cidadanía, para promover políticas da memoria que poñan luz sobre o noso pasado, políticas que acaden a tan necesaria memoria, xustiza e reparación”, expresou a parlamentaria.
Abraham e Isaac, dúas magníficas estatuas-columnas pétreas de finais do século XII e comezos do XIII que saíron do obradoiro do Mestre Mateo para formar parte do Pórtico da Gloria, acabaron engrosando o fraudulento patrimonio da familia Franco na Casa de Cornide (A Coruña). Luca Chao lembrou que “non hai un só documento que certifique esta suposta última propiedade” e que o último documento oficial remite á venda das estatuas por parte do conce de Ximonde ao concello de Santiago en 1948 por 60 mil pesetas.
“Dende En Marea pensamos que é hora de que o patrimonio de todas as galegas e galegos deixe de formar parte da colección privada dos herdeiros da ditadura”, sinalou Luca Chao. “É hora de que o roubado volva a ser patrimonio público, hora de reparar a honra e a dignidade das persoas que foron roubadas e forzadas a ceder diñeiro e propiedades baixo risco de represalias, hora, tamén, de que as esculturas do Pórtico da Gloria volvan a Compostela definitivamente, cidade da que nunca tiñan que ter saído”, engadiu.