En Marea arranca a campaña electoral galega co compromiso de reconstruír o país fronte ao desastre das políticas do PP de Feijóo
En Marea arrancou esta madrugada a campaña en Galicia co seu acto central de pegada de carteis en Lugo onde o candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, afirmou que “comeza a campaña electoral en Galicia, un país que Feijóo deixa 220.000 parados. Feijóo é paro. Cos xulgados cheos de corrupción, coa Pokemon, con Bárcenas, cos sobres con diñeiro negro. Feijóo é corrupción. Con miles de mozos e mozas obrigados a saír do país para buscar traballo fora de Galicia. Feijóo é emigración. Cuns servizos de urxencias colapsados mentres hai camas nos hospitais pechadas. Feijóo é mala xestión. Con listas de espera interminables. Feijóo é sufrimento. Con seis desafiuzados ao día. Feijóo é desamparo”.
Villares asegurou que “Feijóo é a destrución e a miseria deste país e en fronte estamos nós, está En Marea, traemos a dignidade á política, somos xente preparada e honesta que vimos acabar coa corrupción e o sufrimento causado polo PP. Vimos crear emprego, vimos reconstruír o país cun proxecto baseado na democracia e na xustiza social. Queremos botar ao PP para acadar un país máis xusto”.
ARRANQUE DA CAMPAÑA NA CORUÑA
Na pegada de carteis que tivo lugar na Coruña, o cabeza de lista de En Marea pola Coruña, Antón Sánchez, salientou que «a marea desta volta chegará a San Caetano”. “Son tantos os sectores e as persoas agredidas por estas dúas lexislaturas de maioría absoluta de Feijóo que o día 25 estou seguro que teremos un goberno que comece a rescatar á maioría social”. Sánchez salientou que o pobo galego non pode agardar outros catro anos máis de recortes e destrución dos servizos públicos, da educación, da sanidade, da prevención de incendios, destes prezos do leite, da desertificación do rural e da economía do mar. “Hai que construír un país xusto con Luís Villares á cabeza, un home limpo que fai fronte ao amigo dun narco» sentenciou Antón Sánchez.
ARRANQUE DA CAMPAÑA EN OURENSE
A cabeza de lista de En Marea en Ourense, Ánxeles Cuña,fixo un chamamento a cambiar Ourense e Galicia aproveitando a forza da Marea. A número 1 de En Marea por Ourense recordou que é necesario acabar co atraso da provincia e coa mala xestión do PP na Xunta exemplificada estes días nos lumes que queiman Ourense. Cuña Bóveda e o número 2, David Rodríguez, acabaron a pegada lembrando a cantiga popular que animaba a acabar «cos ladróns da nosa terra».
ARRANQUE DE CAMPAÑA EN PONTEVEDRA
“A única alternativa para acabar coa corrupción e a deshumanización do goberno de Núñez Feijóo no noso país é En Marea” afirmou a cabeza de lista por Pontevedra, Carmen Santos quen salientou o compromiso de En Marea por devolver a xustiza ao noso país cun proxecto para as persoas e coas persoas que non deixa a ninguén atrás. Santos animou a toda a cidadanía a se sumar a En Marea para acabar dunha vez por todas co desgoberno do Partido Popular e facer entre todos e todas un país máis xusto.