Redacción •  Wikimedia commons •  Galicia •  11/08/2016

En Marea pide no Congreso que se inicie a transferencia da AP9 e aposta pola súa gratuidade

Alexandra Fernández critica a “ambigüedade calculada de Feijoó, que en tempos eleitorais defende a transferencia da AP-9 pero non fixo ningunha xestión perante Fomento en toda a lexislatura”.

En Marea pide no Congreso que se inicie a transferencia da AP9 e aposta pola súa gratuidade

En Marea presentou no rexistro do Congreso dos Deputados unha proposición non de lei e unha pregunta parlamentar para instar ao Goberno a iniciar os trámites precisos e proceder á transferencia á Galiza da autoestrada AP-9, “de xeito que esta importante vía que vertebra o territorio de norte a sur poida converterse nunha vía libre de peaxes e ao servizo do interés xeral de Galiza”.

Lembra a portavoz de En Marea que “a historia desta autoestrada é o relato dun auténtico despropósito, cuxa explotación privada tiña que ter rematado hai tempo senón fose polo Goberno do PP de Aznar que decidiu prorrogar a concesión até o 2048”. Argumenta Alexandra Fernández que a AP-9 está totalmente amortizada, e continúa a reportar enormes beneficios a AUDASA, uns “beneficios que non repercute nin na mellora do mantemento nin tampouco na calidade do servizo.

Está máis que amortizada e é un sinsentido que os galegos e as galegas continúen a pagar costosísimas peaxes”.
De feito, “é a autoestrada que máis aporta á carteira de negocios do grupo norteamericano Itínere”, sinala a parlamentar de En Marea que aporta os millonarios ingresos de AUDASA no 2015: “a súa facturación acadou os 127,8 millóns, un 2% máis no no ano anterior”. Mais os seus “cuantiosos beneficios non redundaron na mellora da vía. Os seus gastos reducíronse nun 0,1%, o cal demostra que se trata dun negocio redondo”.

“Feijoó nunca se moveu do ámbito da palabrería”

Alexandra Fernández critica a actitude de Feijoó nestes anos, porque “aínda que últimamente se ten pronunciado a favor da transferencia da autoestrada, nunca se moveu do ámbito da palabrería. Nunca efectivizou a súa demanda cunha xestión real perante Fomento. Xogou interesadamente á ambigüedade”. A deputada de

En Marea reprocha o eleitoralismo de Feijoó que “neste pasado mes de xullo, e ante a proximidade das elecións galegas voltou co tema, sinalando incluso que “cría un erro que o Goberno de España non atendese unha proposta razoábel”.

A deputada de En Marea ironiza coa actitude de Feijoó e afirma que “é tempo eleitoral na Galiza, momento no que Núñez Feijoó habitúa a reactivar vellas demandas da oposición”. A cuestión, puntualiza, “é que o feito de que a AP-9 continúe en máns privadas, é unha responsabilidade do PP”.
Asemade, alude na proposición ás noticias que recentemente falaban da posibilidade de que fose mercada pola compañía Globalvía, controlada por fondos internacionais. “Desde o punto de vista de

En Marea, abonda xa de privatizacións, é hora de rematar coas operaciónes especulativas que van en contra dos intereses xerais dos galegos e das galegas. É hora de priorizar o interese colectivo e rematar cos favoritismos. A xestión da AP-9 debe pasar a máns da Xunta e pasar a ser unha vía libre de peaxes”.


En Marea /