Redacción •  Galicia •  12/06/2017

O portavoz de Pallasos en Rebeldía, Iván Prado, finaliza en Compostela a súa #PeregrinaClown para reivindicar a liberdade de Abu Sakha, clown palestino que leva 18 meses preso

Nesta PeregrinaClown, ao longo de dúas semanas, Prado percorreu o Camiño do Norte con diversos actos informativos e reivindicativos para explicar a situación de centos de persoas palestinas presas baixo detención administrativa.

O portavoz de Pallasos en Rebeldía, Iván Prado, finaliza en Compostela a súa #PeregrinaClown para reivindicar a liberdade de Abu Sakha, clown palestino que leva 18 meses preso

Santiago de Compostela, 12 de xuño. O pallaso e portavoz de Pallasos en Rebeldía Iván Prado rematou esta mañá a súa PeregrinaClown de Xixón a Compostela, despois dun intenso mes de accións reivindicativas: unha semana de xexún solidario en Rivas Vaciamadrid acompañando ás 1.600 persoas palestinas presas en folga de fame nas cadeas israelís, e unha PeregrinaClown polo Camiño do Norte, que comezara en Xixón o pasado luns 29 de maio para chegar o 11 de xuño a Compostela. Con esta peregrinaxe quérese visibilizar unha vez máis a situación de desamparo e inxustiza que se vive en Palestina, máis concretamente o que sofren miles de persoas nos cárceres israelís, moitas mesmo menores de idade e enfermas.

A figura de detención administrativa, totalmente arbitraria, sen xuízo nin probas, retén en prisión ao artista de circo e clown Abu Sakha, colaborador de Pallasos en Rebeldía e o Festiclown Palestina, alumno e amigo de Iván Prado, desde decembro do 2015. Estas detencións abusivas e sen motivo que exerce o estado israelí están a ser denunciadas por campañas estatais e internacionais, coma a folga de fame de 1.600 presxs (incluíndo ao propio Abu Sakha), á que Prado tamén se adheriueo mes pasado cun xexún solidario na carpa de Circo Arribas en Rivas Vaciamadrid, ou difundindo vídeos do desafío #SaltWaterChallenge, nos que varias persoas beben un vaso de auga con sal. A folga de fame dxs presxs palestinxs rematara con éxito a finais de maio, e o mesmo agardamos desde Pallasos en Rebeldía con esta PeregrinaClown: “porque o día 11 de xuño é o día que estamos tentando que liberen a Abu Sakha un paiaso compañeiro noso de Yenin e da «Circus school» de Ramallah que sofre unha detención administrativa dende o 11 de decembro de 2015. O tribunal superior sacou unha sentenza que impide que se prorrogue a detención administrativa alén de 3 meses a partir do 11 de xuño”. Polo de agora non se teñen novas da liberación de Abu Sakha, pero en todo caso a súa detención non se podería estender máis alá do 10 de setembro.

Recepción no Pazo de Raxoi

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, foi “o primeiro alcalde que veu recibirme á praza”, como sinalou Prado, xa que baixou ao Obradoiro, xunto con outros membros da corporación municipal, coma a concelleira de Política Social, Concha Fernández, e os concelleiros do BNG Rubén Cela e Goretti Sanmartín Rei, á Praza do Obradoiro, onde un grupo de peregrinos/as, artistas e activistas de diferentes colectivos apoiaban a chegada de Iván Prado.

A continuación tivo lugar unha recepción no Salón Nobre do Concello, onde Prado agradeceu a presenza das persoas que o acompañaban, dos medios de comunicación, e da corporación municipal. “Que un alcalde reciba a un pallaso na Praza do Obradoiro”, indicou “di moito das lóxicas culturais deste concello”. Prado lembrou tamén con cariño que foi en Compostela onde naceu o Festival Internacional de Galicia, Festiclown, que a día de hoxe se desenvolve en diferentes sedes de Galicia, do Estado e do mundo, e á hora de explicar as razóns da PeregrinaClown referiuse a Abu Sakha coma o seu “irmán, unha persoa que eu formei, que estaba a traballar para facer máis felices os nenos e nenas de Palestina, que viviu a última Intifada, nove días en que caía unha bomba cada minuto; que leva 18 meses preso sen probas, nin cargos, nin xuízo”. Prado, asimesmo, alertou sobre a situación xeral en Palestina, recalcando “coma el, moitas outras persoas permanecen en prisións israelís, entre elas 300 menores. A grande cuestión é por qué os gobernos están a favor disto, deixando facer a Israel coma se fose unha democracia. Nós queremos unha Palestina libre e feliz, que nunca máis haxa un pallaso preso”.

O alcalde, Martiño Noriega, remarcou que o colectivo Pallasos en Rebeldía está sempre nos territorios en conflito, loitando polas causas xustas, e que ten unha lonha traxectoria internacional. “É unha honra recibilos na casa do Concello, na casa de todos”.

A PeregrinaClown e outros actos informativos

A ruta de Iván Prado arrincara o martes 30 de maio da Praza Maior de Xixón, despois de varios actos o luns (unha recepción no Concello e a presentación oficial da peregrinación no Ateneo Obrero). Ese mesmo día chegou a Avilés, e de aí saíu o mércores 31 para Cudillero, pasando o 1 de xuño por Cadavedo, o 2 por Luarca e o 3 por La Caridad, para xa o luns 4 chegar a Ribadeo. A ruta seguiucon diversos actos: o 5 estará en Mondoñedo, o 6 en Abadín, o 7 en Vilalba, o 8 en Baamonde, o 9 en Sobrado dos Monxes, e o 10 a Arzúa, para facer a última etapa deste domingo e chegar esta mañá a Compostela. Esta mesma tarde Iván Prado viaxa a Pontevedra para a inauguración da Semana da Solidariedade con Palestina, organizada pola CXT e a Fundación Cuña-Casasbellas, onde dará unha conferencia ás 20:15 horas na Sala Versus.


Pallasos en Rebeldía /