Amigos da Terra denuncia que a Xunta pide colaboración fronte aos lumes mentres aproba leis que os perpetúan
O colectivo ecoloxista alerta de que dez anos despois da vaga de lumes que asolou Galicia en 2006 a situación vólvese a repetir pola inoperancia da Administración galega.
Amigos da Terra denuncia unha vez máis a «ineficaz e obsoleta política contra incendios que se leva a cabo en Galicia dende fai máis de 40 anos«, unha política «na que cada a no se inviste máis orzamento en plans de extinción», pero que deixa «unha porcentaxe mínima» de recursos para as medidas preventivas, que son fundamentais «e o primeiro paso para evitar os lumes».
A entidade considera necesario que a Xunta de Galicia leve a cabo dentro do sector forestal «unha política consensuada con todos os axentes sociais implicados» co obxectivo de rematar dunha vez por todas coa problemática.
Por iso, pídelle á Administración «que dispoña as medidas e realice os esforzos precisos» para coidar do monte galego durnate todo o ano, «primando a prevención sobre a extinción» e sobre todo «apoiando ás explotacións agrogandeiras existentes, promovendo a creación de novas, e investindo en iniciativas sustentables que permitan fixar poboación e recuperar o vencello dos habitantes co seu medio rural«.
Ademáis, Amigos da Terra considera vital que a Xunta «modifique radicalmente as súas políticas de xestión do monte« coma no caso da Lei de Montes o o Plan Forestal de Galicia, abandoando os monocultivos de especies pirófitas e facendo implantación de especies autóctonas e outros aproveitamentos que sirvan para desenvolver a función ecolóxica, cultural e social do monte.
GUÍA PRÁCTICA PARA A RECUPERACIÓN DOS MONTES QUEIMADOS
Doutra banda, o grupo recorda que dende o 2006 ten a disposición do público un manual de recomendacións ecolóxicas de urxencia para a rexeneración de montes incendiados, que elaborou conxuntamente co Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, e que ofrece unha serie de consellos prácticos para minimizar os efectos posteriores aos incendios, facendo un chamamento a que a cidadanía «asuma tamén o seu dereito e deber de implicarse activamente na rexeneración dos montes queimados».