artehabitat.com •  Redacción •  Galicia •  12/09/2016

En Marea anuncia como prioridade do seu goberno o saneamento integral das rías e acabar coa privatización do mar que pretende o PP

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, xunto coa cabeza de lista por Pontevedra, Carmen Santos, a candidata Eva Solla e o candidato Juan Manuel Fajardo, mantiveron onte un encontro coa veciñanza en Vilagarcia no segundo día de campaña.

En Marea anuncia como prioridade do seu goberno o saneamento integral das rías e acabar coa privatización do mar que pretende o PP

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, arrancou o seu discurso en Vilagarcía de Arousa afirmando que non hai máis que mirar o tuit do PP tras ver hoxe as enquisas publicadas no que dicía: “¿Imaxinas que perdemos por un?“. “Nós dicímoslles que estean tranquilos que non vai ser por un senón por moitos máis. Cando hai medo nótase“ asegurou Villares. Vilagarcía acolleu así o arranque do segundo día de campaña de En Marea, un pobo que “é exemplo da loita social, recollendo coas vosas mans para recoller o chapapote e que non entrase nas nosas rías porque non tiñades outra cousa que as vosas mans, facendo algo que os poderes públicos non estaba a facer que era a súa obriga“.
 
Villares presentou no seu discurso o proxecto de En Marea, un proxecto que non é unha suma de persoas, non é unha suma de concellos, senón unha unidade cun obxectivo común. “Da igual onde vivamos, a nosa idade, a quen votemos porque a xente ten dereitos aínda que non voten ao PP. Nós entendemos o pais como unha totalidade en clave de xustiza e solidariedade“ explicou.
 
En Marea está comprometida coa democracia e por iso propón reformas para que a cidadanía sexa protagonista na elaboración das leis. “A democracia é participación, como se pode facer unha lei de acuicultura dando as costas ao sector. Unha lei que fuches quen de parar o chapapote que supoñía a Lei de Acuicultura dando unha vez máis exemplo a todos e toda nós, e por iso en nome de todos os galegos e galegas, grazas por defender unha vez máis os intereses do noso país fronte ao PP“. Un proxecto baseado na xustiza social coa redistribución da renda e da riqueza, as desigualdades sociais non son casuais son causais e os poderes públicos ten a obriga de garantir que todos teñan as mesmas oportunidades que o resto, non privilexiar a ninguén como se fixo ata o momento.
 
Unha das propostas de En Marea destacadas por Villares en Vilagarcía foi o compromiso co saneamento integral de todas as nosas rías porque un mar limpo é produtivo e “tamén turístico para que Feijóo poda seguir paseando nos iates dos seus amigos cando xa non sexa presidente da Xunta de Galicia“. Defenderemos o dereito a saber o que consumimos, de quen e en que condicións. Impulsar artes menores fundamentais no nosso país ou investir na mellora de identificación de especies foron outras das propostas anunciadas por En Marea hoxe en Vilagarcía.
 
Así mesmo, En Marea impulsará a creación de dúas comisións de investigación unha das caixas e outra sobre o acontecido no accidente do Alvia, para saber que aconteceu, “polo que aconteceu e polo que sigue a acontecer“. Avaliar as condicións de seguridade da rede ferroviaria galega e apostar por crear unha operadora galega e reclamar as competencias para Galicia son os camiños que se marca En Marea.
 
“Queremos un proxecto no que vós votedes senón do que vos sintades cómplices. Un proxecto que arranca o dia 25 para conseguir entre todos e todas un país máis xusto para todos e para todas“ concluíu o candidato á presidencia da Xunta de Galicia.
 
A cabeza de lista de En Marea por Pontevedra, Carmen Santos, denunciou a falsa estabilidade da que fala o PP pero que so é estable para o 1 por cen porque para o 99 por cento supuxo a súa ruína. En Marea propón unha política totalmente distinta con paradigmas distintos como que “para eles a xente ten que estar ao servizos da economía, para nós é o revés“. “A economía é para garantir que a maioría social viva dignamente“ afirmou Santos.
 
“As solucións do PP para solucionar os problemas do sector do mar pasan por xestionar deficitariamente as mareas vermellas, non empregar os cartos entregados pola Unión Europea no saneamento das rías e retiran os investimentos en investigación, e a grande proxecto a Lei de acuicultura que suporía acabar directamente coas nosas rías pero que permitiría beneficiar aos amigos e garantir novas portas xiratorias“ denunciou a cabeza de lista por Pontevedra. Fronte a isto, En Marea garantirá a xeración de emprego, mantemento dos servizos públicos. “Catro anos máis de mal goberno e xestión do PP será moi difícil manter un mínimo para garantir os servizos públicos ou as pensións dos nosos xubilados“ afirmou.
 
A número 3 de En Marea por Pontevedra, Eva Solla, fixo referencia tamén as enquisas publicadas coas que están a mobilizar á xente do PP pero “é momento de mobilizar a todas as persoas que van facer que En Marea estea no goberno a partir do día 25 de setembro“.
 
“Un bo xestor non hipoteca o noso país superando 10.400 millóns de euros de débeda para as petos das grandes financeiras, privatizaron e venderon as nosas caixas co aforro de todas e todos os galegos“ denunciou Eva Solla. En Marea aposta pola banca pública e creará o Instituto de crédito público oficial que dea apoio as nosas pequenas empresas.
 
A situación da sanidade tivo un retroceso intolerable, proba o hospital do Salnés que segue a esperar as ampliación, e co xestión de mantemento entregado a unha empresa relacionada coa Púnica. “As privatizacións son a día de hoxe o mantra do PP. Situación dos traballadores de Seaga, a privatización dos servizos de emerxencias converteu o noso país verde nun país negro arrasado polo lume“ salientou a número 3 de En Marea por Pontevedra.
 
O candidato de En Marea pola provincia de Pontevedra, Juan Manuel Fajardo, incidíu na importancia do momento xa que “é posible que esta sexa a nosa última oportunidade de devolver a esperanza aos nosos fillos, á nosa xente“. O PP, asegurou está a empregar o discurso do un a un para tentar convencernos de que é mellor que nos rouben a que nos arruinen, “pero é un discurso falaz porque nos roubaron e nos arruinaron, os traballadores somos máis pobres, os nosos xubilados, o noso marisqueo, traballar é case unha milagre e tes que o facer coma se fose un escravo“.
 
“Roubarnos os recursos, cartos, salarios, pero esta mafia non pode continuar roubándonos o nos futuro, porque só da man poderemos construír. Están mobilizando porque saben que están perdidos“ sentenciou Juan Manuel Fajardo.


En Marea /