Redacción •  Galicia •  13/01/2017

EU celebra que se reabra a causa dos crimes do Tarajal

Esquerda Unida mostra o seu acordo coa reapertura da causa sobre “Os Crimes do Tarajal”, uns feitos que aconteceron o 6 de febreiro de 2014 no que 15 persoas migrantes foron, presuntamente, asasinadas cando intentaban entrar en territorio español, na fronteira de Ceuta. “Con este paso agardamos que, por fin, se faga xustiza e que as persoas implicadas nestas mortes asuman a súa responsabilidade”, declara Sofía Díaz, responsable de Políticas Sociais de EU. 

EU celebra que se reabra a causa dos crimes do Tarajal

Esquerda Unida, unha vez máis, recoñece o esforzo dos movementos sociais, das ONGs que loitan pola defensa dos dereitos fundamentais das persoas migrantes e, que, neste caso, interpuxeron un recurso de apelación, como parte da acusación popular ó arquivo do procedemento, ante o “carpetazo” acordado polo Xulgado de Instrución 6 de Ceuta e conseguiron  que a Audiencia Provincial de Ceuta acorde a reapertura desta causa.

No seu día, Esquerda Unida, xunto co Foro Galego de Inmigración, promoveron unha campaña de información e sensibilización, a través dunha serie de coloquios por toda Galicia, co título “Crise Humanitaria: Ás portas de Europa”, onde fixemos unha análise crítica da sentenza exculpatoria  do que aconteceu no Tarajal. “Agora confírmase que o xulgado encargado da investigación non realizara todas as pescudas precisas antes de sentenciar o sobresemento parcial”, confirma a responsable de Políticas Sociais de EU.

“Esiximos que, coa reapertura da causa, se aclaren, non só as causas das mortes das 15 persoas migrantes, senón que a Administración de Xustiza ten que pronunciarse dun xeito  claro  sobre cal é a función da Garda Civil no posto de fronteira cando ve unha persoa que corre o risco de morrer afogada: se dispararlle usando material antidisturbios causándolle a morte, como presuntamente ocorreu ese día, ou socorrela”, cita Sofía Díaz.

Por último, dende Esquerda Unida agardamos que coa reapertura do caso se confirme a ilegalidade que está cometendo o Goberno coa práctica habitual das chamadas “devolucións en quente”, como as do 6 de febreiro de 2014, ilegalidades que vulneran a Convención de Xenebra e os Tratados Internacionais de DDHH.


caso Tarajal /  Esquerda Unida /