Redacción •  xunta.gal •  Galicia •  13/02/2020

O Grupo Común da Esquerda estudará as posibles incompatibilidades na fichaxe da exconselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato por parte de Greenalia

A exconselleira non consta polo de agora entre as resolucións de recoñecemento do exercicio de actividade privada para altos cargos. 

O Grupo Común da Esquerda estudará as posibles incompatibilidades na fichaxe da exconselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato por parte de Greenalia
Nos últimos días coñeceuse a nova de que a exconselleira de medio ambiente do Partido Popular Beatriz Mato será a directora de Desenvolvemento Corporativo de Greenalia, unha das empresas responsables da eucaliptización de Galicia, cargo ao que accede tan só dous meses despois de anunciar a súa retirada da política. O Grupo Común da Esquerda estudará as posibles incompatibilidades que isto supón a nivel legal.
 
Polo de agora, Beatriz Mato non figura no rexistro da Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas, onde tería que ter presentado a preceptiva declaración previa, nin na listaxe de resolucións de recoñecemento do exercicio de actividade privada logo do cesamento de altos cargos da Dirección Xeral de Función Pública. Por este motivo, o Grupo Común da Esquerda analizará se a exconselleira fixo entrega da declaración pertinente con carácter previo ao inicio da actividade no sector privado, xa que, de non ser así, estaría a incorrer nunha grave vulneración da Lei 1/2016 de Transparencia e Bo Goberno.
 
Os deputados e deputadas agardan obter nos próximos días a información necesaria para aclarar esta cuestión. De confirmarse o caso de incompatibilidade, para a formación, «non resultaría sorprendente», xa que «o Partido Popular ten afeita á cidadanía ás súas prácticas corruptas e a que os seus altos cargos entren en Consellos de Administración polas portas xiratorias tras deixaren a política». 

Beatriz Mato /  Greenalia /  Grupo Común da Esquerda /  Partido Popular /  PP /