Anova •  Redacción •  Galicia •  13/04/2020

O deputado Antón Sánchez denuncia a actitude do PP por bloquear as comparecencias de Feijóo no Parlamento de Galicia en plena crise do Covid-19

O parlamentario considera “irresponsable e desleal” que o Partido Popular incumpra o acordo que, tras a convocatoria electoral, prevía converter á Deputación Permanente no órgano de control e impulso ao Goberno galego.

O deputado Antón Sánchez denuncia a actitude do PP por bloquear as comparecencias de Feijóo no Parlamento de Galicia en plena crise do Covid-19
O voceiro do Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, denunciou este luns a actitude obstrucionista do Partido Popular e do seu máximo responsable en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen levan semanas bloqueando as comparecencias do presidente da Xunta fronte á Deputación Permanente da Cámara, o seu máximo órgano tras a disolución provocada pola convocatoria de eleccións autonómicas.
 
Sánchez lembrou que os partidos da oposición “deron un aval a Feijóo” cando, hai case un mes, apoiaron a suspensión do procedemento electoral fronte á evidencia de que a crise da Covid-19 ía impedir que as eleccións se celebrasen con normalidade democrática e con todas as garantías para a saúde e a seguridade da cidadanía.
 
“Foi unha mostra de lealdade que non foi correspondida nin polo PP nin por Feijóo, que incumpriron o acordo que prevía converter á Deputación Permanente no órgano de control e impulso ao Goberno galego. O Partido Popular está a bloquear calquera posibilidade de que a Deputación Permanente exerza esas funcións, nunha actitude irresponsable e desleal”, dixo Sánchez, quen lembrou que en Euskadi, onde as eleccións autonómicas tamén foron suspendidas, “a Deputación Permanente do Parlamento Vasco si foi activada como órgano máximo de control” do Goberno autonómico.
 
“A soberanía popular galega reside tamén no Parlamento de Galicia, e ten que ter voz e expresión democrática. O PP debe levantar inmediatamente este bloqueo, precisamente nun momento no que, máis que nunca, precisamos transparencia e capacidade para poder fiscalizar a acción de goberno da Xunta”, engadiu.
 
Xusto tras a declaración do Estado de Alarma, Galicia en Común-Anova Mareas presentou unha serie de propostas políticas que incluían a activación da Deputación Permanente e as comparecencias periódicas de Feijóo e dos responsables dos departamentos da Xunta máis implicados na loita contra a emerxencia sanitaria e as súas consecuencias socioeconómicas. Pero desde que comezou a crise Feijóo tan só compareceu nunha ocasión, sen que se teña resolto aínda como debe funcionar a Deputación Permanente como órgano de control.
 
“Os grupos parlamentarios solicitamos hai máis de dúas semanas un informe ao Parlamento para definir e establecer esas funcións. Pero seguimos agardando. Non vemos máis razóns, máis alá dás meramente partidarias, para que o PP manteña esta anomalía democrática e siga impedindo que o Parlamento de Galicia funcione e cumpra as súas funcións”.. afirmou o deputado Antón Sánchez.
 
“O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, tamén cualificou hoxe de “desplante” e de “desprezo á cidadanía galega” a negativa de Alberto Núñez Feijóo a celebrar ás reunións periódicas que se comprometeu a manter coas forzas políticas galegas, unha decisión que está impedindo que estas poidan facer chegar á Xunta as súas propostas para enfrentar a crise da Covid-19 desde a unidade e a colaboración entre todas as axentes políticas e sociais.

Alberto Núñez Feijóo /  Anova /  Antón Sánchez /  coronavirus /  COVID-19 /  Galicia en Común-Anova Mareas /  Grupo Común da Esquerda /  Parlamento de Galicia /  Partido Popular /  PP /  Xunta de Galicia /