Redacción •  Galicia •  13/07/2016

AGE insta ao Parlamento galego a posicionarse contra o TTIP

O deputado e viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda Antón Sánchez afirma que opoñerse ao tratado é facelo a favor da defensa da democracia e que o que en realidade busca este acordo trasatlántico de libre comercio é "rebaixar as lexislacións ambientais, laborais e sociais europeas".

AGE insta ao Parlamento galego a posicionarse contra o TTIP
Sanchez denunciou na presentación o 13 de xullo dunha Proposición Non de Lei (PNL) para rexeitar o acordo que unha das consecuencias do TTIP sería «a perda de soberanía dos diferentes parlamentos europeos» e «unha maior subordinación respecto dos lobbies e as empresas privadas». Sen embargo -engadiu o deputado «o que precisa esta Europa é máis democracia e máis soberanía» e por iso, «opoñerse ao TTIP é defender á democracia«. 
 
Doutra banda, tal como reflicte o texto da PNL, «o TTIP pretende homologar as normativas europeas ás americanas, en xeral menos beneficiosas para as maiorías sociais» o que terá un impacto en múltiples campos, «desde a calidade dos alimentos ou medicamentos, pasando polos dereitos laborais das clases traballadoras«.
 
O viceportavoz de AGE tamén falou da privatización efectiva da xustiza que suporán os mecanismos de resolución de controversias investidor-estado (Investment Court System) ou a reducción de aranceis para os alimentos cando Europa xa é excedentaria na producción dos mesmos. 
 
O TTIP NON É A ÚNICA AMEAZA 
 
Ademáis do TTIP, a Comisión Europea negocia o CETA con Canadá e máis o TISA con 50 países. Para Alternativa, «a simultaneidade entre a negociación sen luz e taquígrafos destes acordos por parte das élites europeas» fai pensar na existencia dunha ameaza «de escala planetaria» consistente «en separar cada vez máis as decisión políticas dos cidadáns e cidadás» recurrindo a superestructuras «no escrutadas democráticamente» para que o sistema capitalista occidental asegure a súa hexemonía no que outras potencias están a emerxer no globo, todo isto «en detrimento das maiorías sociais dos propios países da UE».
 
Por iso, AGE pediulle ao Parlamento o feito de instar á Xunta para declarar Galicia como territorio libre do TTIP «por tratarse dun acordo antidemocrático nas formas, lesivo para os intereses sociais económicos galegos e contrario aos dereitos cívios e laborais» da cidadanía, o que foi rexeitado polo Partido Popular, que botou man do argumentario de FAES para rexeitar a proposta.

AGE /  Alternativa Galega de Esquerda /  Antón Sánchez /  democracia /  TTIP /