En Marea •  Redacción •  Galicia •  13/10/2016

En Marea priorizará no Parlamento galego a loita contra a pobreza, a corrupción e a defensa do emprego

Entre as primeiras iniciativas destacan a petición dunha Renda Básica para a Cidadanía, unha Lei de Comarcalización, a defensa dos traballadores de Extel e do Banco Pastor-Popular e a comisión de investigación de Angrois.

En Marea priorizará no Parlamento galego a loita contra a pobreza, a corrupción e a defensa do emprego

Os deputados e deputadas de En Marea da X Lexislatura acudiron esta mañá ao Rexistro do Parlamento Galego para entregar as credenciais e recoller as actas de parlamentarios. Trala presentación, o portavoz de En Marea espuxo cales van ser as liñas prioritarias do grupo parlamentario durante os primeiros meses. “Estarán encamiñadas a buscar o crecemento económico vinculado ó benestar social, á loita contra a probreza e a exclusión social e en terceiro lugar a loita contra a corrupción”, sinalou Luís Villares.

Estes eixos de actuación canalizaranse a través das primeiras iniciativas. Entre elas destaca a esixencia dun Plan integral de loita contra a pobreza que poña fin aos desafiuzamentos, que acabe coas causas máis graves de exclusión social (600 mil persoas viven hoxe en risco de exclusión social en Galicia e 30 mil en risco de exclusión material severa) e que poña fin á pobreza enerxética. “Non permitiremos que nos fogares galegos, coa chegada do invernos, se corte a electricidade a unha soa familia”, lembrou o portavoz do grupo parlamentario. En Marea tamén reclamará unha Renda Básica de Cidadanía. “Cómpre incluír novos factores para o RISGA para que sexan realmente rendas de integración social completa”, incidiu Villares.

Como terceira iniciativa destacada estará o plantexamento dunha Lei de Comarcalización “para asegurar que todo o mundo con independencia do lugar no que viva vai ter acceso a todos os servizos esenciais de carácter básico” e que inclúa a posta en marcha dunha lei para a área metropolitana da Coruña, para todos os servizos de carácter supramunicipal nesta área.

En materia de transparencia En Marea reclamará no Parlamento Galego unha comisión de investigación de Angrois. O grupo parlamentario tamén trasladará ao Parlamento Galego todos os conflitos laborais que están neste momento de actualidade. “A defensa dos postos de traballo neste país será unha constante que traeremos ao Parlamento dende o primeiro momento”, declarou o portavoz de En Marea.

A vindeira cita que teñen os deputados na Cámara Galega será o próximo venres, 21 de outubro, data na que se constituirá oficialmente o novo Parlamento Galego da X Lexislatura.


En Marea /