Na liña de defensa do estado do benestar, o grupo parlamentario de En Marea levará distintas iniciativas centradas en tres bloques fundamentais. O primeiro deles relativo ás políticas de igualdade, conciliación e corresponsabilidade. “É moi cínico que se critique a folga feminista antes de que teña lugar e cando as mulleres e a cidadanía plantan cara a unha sociedade inxusta a única resposta sexa poñer un lazo morado e dicir que hai que tomar nota” declarou o voceiro de En Marea. Neste sentido asegurou que a vindeira semana o Partido Popular terá a oportunidade de demostrar que os seus compromisos coa igualdade son reais ou de contrabando amosando se chegan a acordos para modificar substancialmente as políticas de igualdade da Xunta de Galicia.
O segundo dos bloques temáticos de En Marea teñen que ver coa xustiza social e o dereito a unha vivenda digna coa presentación dunha proposición non de lei contra os desafiuzamentos. O voceiro de En Marea denunciou o importante incremento de desafiuzamentos por no poder pagar o aluguer. “É falso que a crise sexa do pasado mentres teñamos persoas que seguen a ser desafiuzados” defendeu Villares quen asegurou que “a política da Xunta é unha vez máis unha política de contrabando”
O terceiro bloque de iniciativas de En Marea terá que ver co impacto actual do modelo de revalorización das pensións co que “o PP empobrece a nosa cidadanía”. “Non é xusto que as pensionistas e os pensionistas teñan que soportar que lle digan que subirán pensións 0.25 por cento mentres Feijóo e o seu Goberno subiuse o salario un 7 por cento ou mentres o custe da luz incrementou un 10 por cento” criticou Villares.
“A rúa está axitada porque a propaganda do goberno di que xa temos a mesma crise que antes da crise pero a xente non o ve. Foi unha crise de dereitos que se aproveitou para roubarnos e retroceder no estado do benestar” denunciou o voceiro de En Marea.
Na sesión de control ao presidente da Xunta, o voceiro Luís Villares preguntará a Núñez Feijóo que está a facer para atender as distintas reivindicacións presentes na rúa en forma de mobilizacións multitudinarias.
O voceiro concluíu a comparecencia tras a xunta de voceiros destacando a existencia dunha cidadanía social alternativa que está na rúa a que En Marea dará visibilidade no Parlamento de Galicia. “Os movementos sociais deben ter autonomía e o papel dos sindicatos e partidos debe ser recoller estas demandas e levalas ás Institucións” defendeu Luís Villares.