Redacción •  Wikimedia commons •  Galicia •  14/07/2018

En Marea denuncia a complicidade da Xunta coas empresas que expolian e destrúen o medio ambiente e insta á aprobación das Directrices da Paisaxe

En Marea insta á Xunta de Galicia a aprobar coa máxima urxencia as Directrices da Paisaxe e critica o inaceptable atraso que acumula a posta en marcha dunhas normas esenciais á hora de fixar un marco garantista que protexa o medio ambiente do expolio empresarial. A pesar de que a creación destas directrices xa se contemplaba na Lei da Paisaxe de 2008, a día de hoxe continúan sen desenvolverse; nunha inaceptable mostra do desleixo do goberno galego coa protección dos recursos naturais; pero tamén de connivencia con proxectos eólicos ou mineiros, tramitados pola contra pola vía de urxencia e sen ter en conta o seu impacto. 

En Marea denuncia a complicidade da Xunta coas empresas que expolian e destrúen o medio ambiente e insta á aprobación das Directrices da Paisaxe
“A demora das Directrices da Paisaxe é a coartada perfecta para que se aproben parques eólicos sen un marco esixente de protección da paisaxe e sen o nivel de esixencia maior ao que obrigarían” esas normas. Explícao o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, lembra que dende finais de 2017 atópanse en trámite 21 proxectos eólicos que afectarían a 30 concellos galegos.
 
A aprobación das Directrices da Paisaxe aportaría maiores garantías ambientais ante a implantación de proxectos en trámite que, polas súas características e sen o necesario control, xeran preocupación. Como o impulsado por unha empresa de capital saudí entre Ordes e Vilasantar. Un parque eólico que suporía a instalación de xeadores de máis de 150 metros de altura con aspas de 67 metros a tan só 500 metros de vivendas, “co que iso significa en termos de ruído, saúde, ou ocupación de superficie agraria para gandeiría”. Ou a instalación do proxecto Pena Forcada-Catasol II que se tramita en Laxe; “un parque eólico e unha liña de evacuación de alta tensión que será altamente visible en máis do 75% dunha zona considerada como un observatorio paisaxístico, e que afecta a tres comercas de alto valor paisaxístico”
 
As Directrices da Paisaxe, comprometidas polo propio Núñez Feijóo para 2017 (cando xa acumulaban, cabe destacar, un atraso de 9 anos) supoñen “unhas garantías que se foron co vento das eólicas. E para mostra as alegacións que no seu día fixeron Gas Natural Fenosa ou a Asociación Eólica Galega, que cargaban contra o borrador inicial desas directrices reclamando que non fosen retroactivas, e que non tivesen efecto nos terreos incluídos no Plan Sectoral Eólico de Galicia”.
 
Mentres as Directrices da Paisaxe continúan paralizadas, seguen adiante as tramitación de proxectos empresariais que, sen o debido control, poden ter un impacto altamente negativo no entorno. “Os trámites eólicos seguen adiante, todos axudados por unha Lei de Fomento de Iniciativas Empresarias, ou Lei de Depredación, que se aprobou en cambio en tan só tres meses. Unha lei feita cun trámite totalmente pirata para impedir un debate sosegado da sociedade e todas as forzas políticas”, explica Sánchez.
 
En Marea denuncia o contraste que supón a urxencia con que o goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia aprobou esa norma depredadora coa “demora e o bloqueo” das Directrices da Paisaxe. Unhas liñas que permitirían avanzar na senda da economía socialmente máis xusta pola que aposta En Marea.
 
Desde finais de 2017, hai en trámite 21 novos proxectos de parques eólicos declarados de interese. Unha declaración que, na práctica, significa a reducción á metade dos seus tempos de tramitación. “Algo que dificulta enormemente a participación e defensa dos intereses da cidadanía”, tal e como apunta o vicevoceiro de En Marea, que lembra que o número de concellos afectados por estes novos proxectos, nos que a posibilidade de presentar alegacións é prácticamente nula, se eleva ata 30.
 
APOSTA POR UN DESENVOLVEMENTO SOCIALMENTE XUSTO E RESPECTUOSO CO ENTORNO.
 
Así as cousas, Antón Sánchez critica a xestión medioambiental dunha Xunta de Galicia que deixa os recursos naturais e paisaxísticos e o territorio galego a expensas das necesidades de grandes empresas e fondos boitre sen esixir garantías. “En vez dunha axenda verde, a Xunta ten unha axenda negra de medio ambiente. Consente as políticas de destrución e gasta máis en legalizar desfeitas que en prevención”, afirma o vicevoceiro de En Marea, que denuncia o modelo  “desfasado de expolio miope e torpe” da administración galega e, máis concretamente, do departamento que dirixe Beatriz Mato.
 
Contra esa carta branca da Xunta ao interese puramente económico, En Marea aposta por un modelo no que a paisaxe e o medio ambiente sexan os valores sobre os que se cimente o desenvolvemento futuro e a creación de riqueza. “A señora Mato é unha conselleira cómplice das agresións ambientais destas empresas. Está sendo pasiva, cando non connivente, no desenvolvemento duns parques que deben ter un desenvolvemento socialmente máis xusto, tratando que xerar riqueza e crear tecido económico no rural e non para grandes fondos boitre, e con todas as garantías ambientais e paisaxísticas”. Un modelo económico baseado na xustiza social e nas garantías ambientais e paisaxísticas, que non pode desligarse dos proxectos eólicos, igual que dos mineiros.
 
Así as cousas, Antón Sánchez insta á aprobación das Directrices da Paisaxe e critica a xestión ambiental do departamento de Beatriz Mato, “máis preocupada en remover calquera obstáculo ambiental para a actividade das empresas e en agochar as consecuencias das desfeitas ambientais que en protexe o medio ambiente”.
 

En Marea /  Xunta de Galicia /