Parlamento de Galicia •  Redacción •  Galicia •  14/09/2017

Antón Sánchez: «O Goberno do PP aposta únicamente polo espolio coa nova lei de fomento empresarial»

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento galego e Coordenador Nacional de Anova analiza nun artigo de opinión no diario Praza Pública as implicacións que a Proposición de Lei de Fomento de implantación de iniciativas empresariais, tramitada pola vía de urxencia, pode ter para o territorio e a xente do común.

Antón Sánchez: «O Goberno do PP aposta únicamente polo espolio coa nova lei de fomento empresarial»

Según indica, na nova norma que pretende impoñer o Partido Popular «introdúcense cambios transcendentais en sectores coma o mineiro, o eólico e o forestal», actividades que a nivel galego «producen e exportan materias primas baratas e deixan fortes impactos no país».

Para Antón Sánchez, «lendo a proposta, vemos como as trabas administrativas son un eufemismo utilizado para non referirnos á protección ambiental e patrimonial, a aqueles elementos que melloran as condicións da vida da xente do común» senón que dende o PP estase a facer referencia «básicamente» aos lobbies mineiros, eólicos e forestais, en vez de «conservar e poñer en valor o país» a través da creación de emprego público de calidade.

«Suprímense os requisitos para unha minoría, mentres para os grandes poderes económicos e financeiros a administración fai a vista longa. Actívase a iniciativa empresarial pero non para as PEMES e os autónomos, senón para as grandes corporacións empresariais: así lexislan os señores do Partido Popular» -afirma Sánchez-.

Para o vicevoceiro de En Marea «estamos diante dunha liberalización selectiva, que propiciará a profundización do modelo que especializa a Galiza na produción de materias primas baratas nas explotacións mineiras, enerxéticas e forestais tendo en común fortes impactos no territorio, a pouca creación de emprego e riqueza relativa, e a concentración cada vez maior destes sectores en menos empresas» porque «o que reflexa esta PDL que presenta o PP é que para o Executivo de Alberto Núñez Feijóo o futuro a eonomía galega non pasa por unha planificación que permita a racionalización na explotación dos recursos naturais ou por facer compatible a actividade económica coa preservación do medio ambiente».

BENEFICIO PARA AS GRANDES EMPRESAS DO SECTOR ELÉCTRICO

Sánchez recorda asimesmo que «no caso da produción eléctrica», cun país «que exporta 1 de cada 3 megavarios que produce», non se está a recibir «prácticamente nada a cambio» mentres o medio ambiente «padece os custos desa explotación», mentres empresas como ENDESA, Gas Natural Fenosa, Iberdrola, ACS, Ferrovial Sacyr, e bancos e fondos voitre está a facer «un enorme negocio privado».

De feito, esta Proposición de Lei -indica o deputado- «amplía a superficie das Áreas de Desenvolvemento Eólico», facilitando aínda máis o pulo dun negocio «en mans dunhas poucas empresas que facturan anualmente ente 600 e 700 millóns de euros», un modelo «que deixa beneficios residuais para o país» tendo en conta «o deterioro e a destrución que produce nos nosos recursos naturais» e que ademáis «crea pouco emprego e nunhas condicións precarizadas».

FOMENTO DA PROBLEMÁTICA DERIVADA DO SECTOR MINEIRO

No sector mineiro -subraia Antón Sánchez-, esta PDL «pretende acelerar os procesos de explotación» agudizando «os problemas tradicionais que esta actividade provoca no noso país e sen solucionar nengunha das eivas», en referencia ao «descontrol ambiental» da actividade empresarial, o «caos administrativo» na caducidade dos dereitos ou «as ilegalidades e alegalidades varias».

MEDIDAS IRRACIONAIS NO PLANO FORESTAL

No sector forestal, para o vivevoceiro de En Marea, «non aparece ningunha liña que encamiñe o noso monte a un aproveitamento multifuncional, á integración do agrario e forestal, do respecto ao patrimonio, e da conservación da biodiversidade». Ao contrario, «este TTIP de andar pola casa» intenta solucionar os problemas do monte galego apostando pola eliminación de «garantías ambientais e patrimoniais», en vez de destinar máis recursos e mellorar a eficiencia da administración «para que as autorizacións e informes se realicen con axilidade».

DESREGULACIÓN NORMATIVA

Antón Sánchez denuncia o «paquete express e a medida» a nivel legal co que o PP pretende introducir unha serie de «cambios transcendentais» propostos polas patronais dos sectores eólico, mineiro e forestal, alterando á súa conveniencia a Lei de Patrimonio «para desptrotexelo», a Lei de Avaliación Ambiental «para descafeinala», na Lei de Minería «para acelerar os procesos» e na lexislación eólica «para facilitar a implantación dos parques para as grandes empresas do sector».

FUNDAMENTAL A REACCIÓN SOCIAL

O tamén Coordenador Nacional de Anova considera que a xente do común xa demostrou «a súa capacidade de resposta en momentos peores ca este» e que non debe resignarse ante a posibilidade de permitir «o saqueo do país dende as institucións que en teoría deberían defendelo». Porque a través da loita social pódesde parar esta PDL «fronte a  un Goberno que aposta únicamente polo modelo do espolio de Galiza».

 


Anova /  Antón Sánchez /  En Marea /  Partido Popular /  PP /  Proposición de Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais /