Redacción •  Galicia •  15/04/2020

Sindicato estudantil Acción Universitaria: «sobre a crise do COVID-19 e as diferentes solucións que se plantexan»

Desde o sindicato estudantil Acción Universitaria queremos informar a prensa da nosa posición ao respecto das diferentes solucións plantexadas desde as reitorías ou desde outros sindicatos estudiantis para paliar a crise a nivel educativo que a corentena xa está a supoñer. Esta postura xa fomos quen de trasladala ao Ministerio de Educación e a CRUE da mán das nosas compañeiras da rede Estudantes en Movemento, da que nós formamos parte.

Sindicato estudantil Acción Universitaria: «sobre a crise do COVID-19 e as diferentes solucións que se plantexan»
  • É a avaliación telemática unha solución?

Non. Moitas estudantes quedarían automaticamente apartadas da avaliación pola falta de dispositivos dixitais. De nada serve garantir o acceso a datos móbiles como fixo a USC se non temos un ordenador de calidade e demais dispositivos. Por iso esiximos que a avaliación sexa presencial e que se recalendarice a mesma en función de como evolucione a crise. Isto ten que vir acompañado dun aumento en cantidade e calidade do número de becas para as estudantes que non se podan permitir non traballar no verán para pagar a súa matrícula.

  • E o aprobado xeral?

Estamos en contra do apto xeral porque non é facer unha proposta que atenda as necesidades do estudantado popular. Isto implicaría deixar de esixir as institucións educativas que nos doten de recursos e medios para, no curto prazo, poder sair desta situación coa nosa formación o menos devaluada posible (dentro das marxes de Bolonia, que todos sabemos o que é).

  • Están informando correctamente as universidades galegas ao estudantado?

Durante estas semanas de confinamento estamos a recibir multitude de información contradictoria. Ante a falta de baixada de información de calidade por parte das reitorías vémonos obrigadas a informarnos a través de medios, rumores entre amigas doutras facultades e especulacións. É por iso que esiximos unha baixada adecuada e fiable de información por parte das reitorías, é unha vergonza que teñamos que enterarnos antes pola prensa que polo reitorado das decisión que se están a tomar. Como pasou por exemplo coa Universidade de Vigo, que publicou na prensa que implantaba a avaliación telemática antes de trasladarllo ás estudantes. Decisión que tomou, obviamente, sen contar co conxunto do estudantado.

  • Onde están os cartos da miña matrícula?

A docencia virtual non garante unha docencia de calidade. Os contidos que recibimos da maioría dos profesores son ineficientes ou practicamente nulos. É por iso que esiximos a devolución do custo porcentual das nosas matrículas durante a corentena. É inadmisíbel que non se nos devolvan os cartos dunha matrícula que, ademais, nunca deberamos ter pagado.

  • E que pasa cos alugueres e as residencias universitarias?

Dado que miles de estudantes cursan os seus estudos fora dos seus fogares, o confinamento e eventual prórroga do curso non pode supor un coste extra. É por iso que apoiamos a folga de alugueres promovida polos espazos veciñais. Do mesmo modo esiximos a devolución inmediata do pago das residencias.

Finalmente, demandamos a habilitación de vivendas públicas (como residencias) para que aquelas estudantes que vexan alargado de forma extraordinaria o seu curso académico, non teñan que asumir un sobrecusto.

Debido a isto, hoxe as 20.30 publicaremos un vídeo nas nosas redes sociais amosando todas estas cuestións e animando ao estudantado a organizarse para que os seus dereitos non sexan pisoteados.


COVID-19 /  Universidad /