Nova folga da sanidade pública galega para o próximo mércores 19 de xuño
A Asemblea de Áreas Sanitaria (AAS) de facultativos/as de Atención Primaria ten convocada unha folga no ámbito da Atención Primaria de Galicia no próximo mércores día 19 de xuño, dirixida a médicos/as de familia, pediatras, farmacéuticos/as, odontólogos/as, MIR e técnicos/as de saúde de Atención Primaria.
Esta convocatoria está xustificada polo gran malestar entre as profesións sanitarias nos Centros de Saúde pola deterioración das condicións do traballo asistencial, relacionadas coa mala xestión, a carencia de recursos e a falta de decisión da actual Administración de poñer en práctica as recomendacións internacionais sobre o papel da Atención Primaria no sistema sanitario.
Despois do éxito de seguimento da folga realizada en Vigo, e comprobada a nula intención da Consellaría da Sanidade de atender as necesidades da asistencia aos pacientes reclamadas desde hai meses por diferentes colectivos profesionais, as Asembleas de cada Área Sanitaria votaron en favor de secundar unha mobilización global de todo o persoal facultativo en demanda de melloras concretas que revertan nos nosos pacientes.
A primeira destas mobilizacións será unha folga no día 19 de xuño, e unha manifestación no mesmo día que transcorrerá a partir das 12 h en Santiago de Compostela, desde S. Caetano (diante da sede da Xunta) a S. Lázaro (diante da Consellería de Sanidade)