Redacción •  Galicia •  15/07/2018

Somos Cambados, Somos EM Sanxenxo e En Marea Ponte Caldelas suman as súas pingas ao mar coa sinatura do acordo de colaboración con En Marea para as eleccións de 2019

O acto da sinatura, ao que se achegaron mareantes doutros concellos e localidades do país, foi levado a cabo pola vicevoceira e responsable de municipalismo de En Marea Ana Seijas, Tino Cordal (Somos Cambados), Mari Camiña (Somos EM Sanxenxo), Roi Márquez (En Marea Ponte Caldelas), e o voceiro do espazo do cambio Luís Villares. Ademais de contar co apoio das representantes de Gañemos Vilanova, Lugo Novo e Marea Pontevedra.

Somos Cambados, Somos EM Sanxenxo e En Marea Ponte Caldelas suman as súas pingas ao mar coa sinatura do acordo de colaboración con En Marea para as eleccións de 2019
A responsable de municipalismo explicou que “é unha sinatura de tres mareas municipais, mareas diversas, de costa, de interior, algunhas preexistentes a En Marea que levan traballando xa desde o 2015. Como é no caso de Somos Cambados que xa están a gobernar na súa localidade; ou nos casos de Somos En Marea Sanxenxo e EM Ponte Caldelas que xurdiron no último ano para levar esa alternativa política, esa maneira nosa de facer política centrándonos nas persoas, e que ainda non teñen representación institucional, pero forman parte do noso espazo político e confían nos mesmos principios e na mesma ética que compartimos EM e as Mareas municipais” dixo Seijas antes da sinatura do protocolo.
 
Foi unha xornada na que seguir tecendo, cooperando, unha xornada para celebrar e visibilizar ese compromiso común, de seguir dialogando, de facer un programa para desbancar á dereita das institucións municipais no 2019.
 
Pola súa banda, Tino Cordal deixou claro que “ainda que xa estamos no goberno de Cambados, mantemos os mesmos obxectivos que tiñamos cando chegamos: igualdade e rematar coas xerarquías. A unidade popular é a unidade sen etiquetas e onde todos somos iguais”, señalou o representante de Somos Cambados.
 
Na mesma liña posicionouse Mari Camiña, que considera que a sinatura deste acordo supón para Somos EM Sanxenxo “seguir o camiño iniciado hai un ano para unirnos e botarnos unha man no que é un espazo integrador para mudar un concello como Sanxenxo gobernado a golpe de catastrazo”.
 
Roi Marquez, de EM Ponte Caldelas, incidiu en que a rúbrica do protocolo, aprobado polo Plenario, supón “poñer a primeira pedra para rematar coas políticas do PP e devolverlle as institucións á xente. Dende que nacimos, traballamos para apoiar á veciñanza e que se sintan arropados por nós nas súas inquedanzas”.
 
Pechou o acto o voceiro de En Marea Luís Villares que celebrou a rúbrica do protocolo e indicou que “apoiamos a República do Mar, porque somos republicanos porque defendemos a fraternidade como idea de estar na vida dunha maneira, querendo para os demais aos que non coñecemos o mesmo que queremos para os que si coñecemos”.
 
Tralas intervencións, tamén das mareas de Manzaneda, O Courel e Noia que enviaron os seus parabéns a través dun vídeo, asinouse o acordo de colaboración para as eleccións de 2019 coas mareas de Cambados, Sanxenxo e Ponte Caldelas.
 
A  vindeira semana está programada a sinatura do acordo de colaboración na cidade da muralla con Lugo Novo para seguir sumando as pingas de cara ao próximo ano. Unha firma que suporá un parón ata o 17 de agosto cando comeza o curso político e cando retomaremos as sinaturas coas mareas que así o desexen co horizonte 2019. 

En Marea /