Redacción •  Galicia •  15/08/2016

As votacións para as primarias de En Marea serán o 17 e o 18 de agosto

O proceso adíase 24 horas para facilitar a integración de Podemos. O censo estará aberto ata as 23.59 horas do 16 de agosto.

As votacións para as primarias de En Marea serán o 17 e o 18 de agosto

As votacións para as primarias nas que se elixirán as persoas que formarán parte da candidatura ao Parlamento de Galicia serán o 17 e 18 de agosto. O seu inicio adíase 24 horas desde o previsto, por decisión da coordinadora provisional e para facilitar a integración de Podemos.

O censo para estas primarias pecharase mañá, 16 de agosto, ás 23.59 horas. Terán dereito a voto todas as persoas que asinaran o  manifesto dos alcaldes ata ese momento e todas aquelas persoas que tiñan dereito a voto nas primarias de Podemos Galicia agora suspendidas e que, antes de votar, adicionalmente, se adhiran ao manifesto dos alcaldes e incorporen os seus datos ao censo de En Marea.
 
SEGURIDADE DO PROCESO

Para facilitar unha maior participación, flexibilizaranse os criterios de inscrición. E para garantir a seguridade, o reconto será supervisado polo Comité Electoral, e incluirá a realización dunha auditoría, con diversos controis (por poboación, concorrencia de IPs, anonimizadores, etc). Tamén haberá presenza de interventores durante o proceso e un chequeo exhaustivo mediante chamadas aleatorias realizadas por estes interventores.

Ademais, Podemos incorporará dúas persoas ao Comité Electoral e dúas persoas á Coordinadora Provisional de En Marea.


En Marea /  primarias /