Compromiso por Galicia propón a creación dunha institución pública de crédito empresarial
Xoán Bascuas participou en Lalín nun mitin con Rafa Cuiña e Andrés Núñez Rajoy e nunha charla con empresarios.
O candidato á Xunta por Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, visitou este mércores Lalín para participar nun mitin, ao que asistiron unhas cen persoas, e nunha charla organizada pola Asociación de Empresarios de Deza.“Para Compromiso por Galicia o empresariado é importante para artellar a sociedade galega. Nós queremos vivir ben, e para vivir ben o empresariado é unha parte fundamental da sociedade”, dixo Bascuas na charla da asociación.
O Candidato de Compromiso fixo fincapé na creación dunha institución pública de crédito, pensando na industrias e na empresas Galegas. Bascuas propón aproveitar órganos xa existentes como o é o Igape ou como é Xes Galicia, a entidade pública de xestión do capital risco. Bascuas destacou a necesidade da internacionlización das empresas galegas.
Compromiso propón crear un observatorio de comercio internacional para os produtos galegos. É preciso analizar as posibilidades de penetración do produto galego, de consumo e industrial, nos mercados internacionais e deseñar de acordo con consultores especializados a estratexia mais viable a cada sector e mercado para gañar cota de vendas.
Bascuas falou tamén de crear un novo modelo económico e social que incentive a capacidade para a creación de novas empresas e aproveite a competencia adquirida pola mocidade galega. O candidato de Compromiso tamén remarcou a necesidade da creación dun grupo lácteo galego, onde todos os actores do sector se unan para poder competir por un mellor prezo. “Pero só é posible coa colaboración de todos os axentes que participan no proceso”.